Print this page

O IX edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados viaxa ata Grecia

Rate this item
(1 Vote)

Un escritor e unha ilustradora gregos, Anthonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, son os gañadores da IX edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, polo seu traballo presentado co título El último día. Así o acordou o xurado reunido o pasado xoves na capital de Galicia, que tivo que estudar os máis de 240 traballos chegados de 23 países distintos.

O xurado destacou da obra gañadora "o equilibrio entre a ilustración e o texto, formando un todo harmónico". Tamén valoraron a consistencia da narración, "que transmite ledicia e tenrura á vez". Protagonizada por un carteiro, a historia pon en valor este oficio “como un elemento de comunicación favorecedor das relacións entre persoas e comunidades”. Da proposta estética resaltaron a composición plástica, con predominio do trazo e do collage, que traslada a “unha suxerente paisaxe insular mediterránea”.

Asemade o xurado decidiu proclamar finalista a obra presentada co lema Por allí, el infinito, un traballo chegado dende Murcia e que leva a sinatura de Marisa López Soria, como escritora, e Alejandro Galindo Buitrago, como ilustrador. Por último, recibiu unha mención especial o traballo titulado Nina e Antoine, da colombiana Alejandra Estrada Sierra e o madrileño Antonio Ventura Fernández.

O Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados vénse convocando dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka. O certame, dirixido a autores e ilustradores de todas as nacionalidades, xurdiu no marco da Campaña Municipal de Animación á Lectura.

O xurado desta IX Edición estivo presidido polo concelleiro de Educación, Manuel Dios, por delegación do alcalde. Como vogais actuaron Miguel Azaola Rodríguez-Espina (tradutor, axente literario, consultor editorial e colaborador na organización de encontros literarios de ámbito internacional), Carme Solé Vendrell (pintora e ilustradora de máis de 700 títulos entre álbums e libros de texto), Ánxeles Roca López (bibliotecaria e membro de ANABAD e GALIX), Manuela Rodríguez, como representante de Kalandraka Editora, e Xosé Manuel Rodríguez-Abella, como representante do Concello de Santiago. Actuou como secretaria Beatriz Rodríguez, do Departamento de Educación.

Anthonis Papatheodoulou naceu en Atenas en 1977. Estudou Animación en Atenas e Barcelona, e Literatura Española na Hellenic Open University. Traballa como tradutor e publicou varios libros. Recibiu o Premio de Álbum Ilustrado de Grecia en 2011 e 2012, o Premio de Álbum Ilustrado da revista Diavazo en 2011; e varias obras da súa autoría foron incluídas na lista The White Ravens. Pola súa banda, Iris Samartzi, tamén ateniense de 1979, estudou Deseño Gráfico e Arte. Traballa como ilustradora de libros infantís e como profesora de debuxo en Educación Primaria. Recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Libro Ilustrado da sección grega da IBBY en 2012 por un libro con texto de Anthonis Papatheodoulou, galardón que repetiu en 2015. Unha das súas obras tamén figura na Lista de Honra IBBY 2015.

Ambos os dous autores da obra gañadora, ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso, verán a súa obra publicada por Kalandraka editora nas cinco linguas peninsulares.

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati