«[En O paso do esquecemento] nárrasenos a célebre historia do Lethes, Belión, Limaia, Aeminium ou Oblivionis flumen, isto é, o Río do esquecemento que, para os antigos, non era outro que o Limia das nosas terras suorientais.»
«Ese feito histórico sérvelle a Riveiro Coello para artellar un relato de protagonista infantil que, a través dos soños e da conversa cos seus máis vedraios familiares, vai descubrir antigos e inveterados costumes que manteñen viva a maxia do inmemorial río.»
«Escrito con fondo poder evocador e delicada filigrana emocional, este O paso do esquecemento gaña en sedución visual mercé ás ilustracións de Pilar Sevillano Cuadrado, quen puxo rostros ao vizoso mundo interior do neno protagonista e todos aqueles que o rodean nese seu camiñar polos vieiros do descubrimento da memoria do telúrico, da identificación cun territorio e unha cosmovisión propias.»
Visto en: Criticalia | Armando Requeixo