Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

A novísima dereita e nós (2.0 Editora) de Manuel M. Barreiro

Rate this item
(7 votes)
Manuel M. Barreiro ofrécenos en A novísima dereita e nós (2.0 editora) as claves para entender como foron os dous primeiros anos do retorno do goberno conservador á Xunta de Galicia. Colaborador habitual de medios como El País, Xornal ou A Nosa Terra e editor do blog dpaso.blogaliza.org, Barreiro obséquianos cunha prosa áxil e atenta á actualidade política do país, onde se abarca dende as promesas incumplidas de Núñez Feijoo ata a situación actual das forzas progresistas do país, o baltarismo ou o papel que xogan os medios de comunicación.
Nun momento de desarraigo político da cidadanía, de apropiación da mensaxe por parte dalgúns partidos, é de agradecer o papel que xogan as novas editoriais apostando por un xénero difícil de atopar nos andeis das librarías: o ensaio político dende Galicia e sobre Galicia.

 


 

Debúllase en A novísima dereita e nós os dous primeiros anos de goberno Popular na Xunta. Como foi este período que baixo as máximas de “eficacia” e “austeridade” acompañou o programa político do presidente Núñez Feijoo?. Indica vostede nun momento do libro que “unha cousa é declarar e outra diferente ter credibilidade”.

O presidente Feijoo, no seu discurso de investidura, fai unha proposta que vai orientada moi claramente a unha rexeneración do autogoberno galego. Nesa declaración podemos ver dúas grandes etapas. Nunha primeira, Feijoo afirma que el non ven para restablecer ningún pasado, avala a súa condición de reformista e anuncia a conservación dalgunhas das cousas que o goberno saínte fixo. Malia isto, vese moi claramente que o primeiro ano de Feijoo é un ano de demolición, de deconstrución dos logros do goberno anterior, tanto en políticas públicas, como en organismos ou os marcos legais que o bipartito puxo en marcha. Nesta primeira etapa Feijoo vai en contra do seu propio discurso de gobernabilidade. Estamos diante dun goberno non rexenerador, senón retrógrado. Retrotráenos a unha situación política anterior.

A segunda etapa do goberno de Núñez Feijoo é unha transferencia de responsabilidades cara fora, cara outros axentes políticos externos, especialmente no goberno do Estado. Cando se decata de que hai que facer políticas efectivas Feijoo comeza argumentar que el non pode facer nada, que non ten competencias. Transfire toda responsabilidade ao goberno do Estado.

En resumo, estes dous anos de Feijoo ao fronte da Xunta de Galicia sería, por unha banda de demolición e por outra de non responsabilidade. E ese binomio, na práctica, é como non ter goberno.

 


Comeza o libro cunha frase esmagadora: “O 1-M foi derrotado o desexo do cambio político en Galicia”. Un desexo que perdurou soamente catro anos.

Na fin da era Fraga o cambio era anhelado por moitos sectores sociais, pero algunhas das cousas que se esperaba que fixera o goberno bipartito non se produciron, como puido ser o cambio da Lei electoral. Non se abordou nos primeiros anos do goberno bipartito como tampouco se acometeu unha democratización radical dos medios de comunicación pública. Non se acoutou os poderes económicos, principalmente esa espiral entolecida na que entraron as caixas de Galicia, que se bancarizaron antes de ser bancos.

En políticas concretas tanto PSdG como BNG esquecéronse de que non gobernaban pola unión dos seus votos, senón que detrás deles había unha coalición de cidadáns que desexaba o cambio. Descoidárono e entraron nunha política bipartidista sen ter practicamente relación algunha entre eles. Ese desgaste verase acompañado por unha forte ofensiva por parte dunha alianza de axentes económicos que ven os seus intereses vulnerados, como puido ser por exemplo a explotación do litoral ou o tema eólico. Esta acumulación de malestares por parte deses poderes terá a súa expresión máis xenuína a través de La Voz de Galicia, que será altofalante e amplificador do malestar contra o goberno bipartito.


O PPdG entrou no goberno grazas ao escano perdido polo BNG. Puido ser o Bloque vítima da súa propia ideoloxía cando estivo no goberno? A xente aposta por un programa que na práctica se reduce a “mínimos”.

O nacionalismo galego ten unha cultura de goberno moi feble. O BNG ten experiencia a nivel municipal, pero non a ámbitos superiores, e os erros de goberno veñen por mor desa inexperiencia. Pero tamén é verdade que programas políticos nos que o nacionalismo se dirixe aos cidadáns son moi nacionalistas. Son programas que se sabe a priori que non son abordables nun mandato ou dous. O BNG chega ao goberno cunha oferta nacionalista pero unha vez que estás dentro hai algunhas cousas que se poden facer pero outros cambios requiren uns tempos.


A política e os medios. Fai vostede referencia a unha unión de forzas empresariais para devolver ao PPdG o goberno galego, subliñando en especial o protagonismo de La Voz de Galicia. Poderíamos dicir que é intervencionista o poder respecto á prensa ou é a prensa quen quere ser intervencionista co poder? Con nomes e apelidos o único xornal que aparece neste libro é La Voz de Galicia, pero a influencia deste xornal, nos últimos anos, viuse reducida á provincia da Coruña.

Disque son o cuarto poder mais eu coincido con Manuel Castells* de que a prensa é o poder. Hoxe en día a política é comunicación, e non hai medio de comunicación onde se fale máis de política que nos xornais. Iso constitúe o máis influínte banco de ideas.

En Galicia, o periódico máis compacto na creación de opinión e en número de lectores é La Voz de Galicia. Eu falo deste xornal en concreto porque é o mascarón de proa desa nova concepción dos medios, aínda que é verdade que houbo outros xornais que xogaron un papel semellante e que traballaron en prol do cambio conservador en Galicia, nomeadamente El Faro de Vigo.

La Voz de Galicia foi durante moito tempo o periódico que lían os progresistas en Galicia. A pesares de que dende as súas orixes están os mesmos grupos económicos e a mesma familia, nos anos da Transición o xornal de referencia para a maioría das forzas progresistas de Galicia foi La Voz. Moitos lectores que votan actualmente Bloque ou Socialista seguen lendo La Voz de Galicia. Como indicas o seu ratio de acción é máis considerable na provincia da Coruña, pero tamén é moi importante no resto das zonas urbanas galegas. De feito, nun traballo que fixo Carlos Neira Cortizas** vese moi claramente onde perderon votos tanto o Bloque como o PsdG, e vese igualmente a correlación deses lugares coa cantidade de lectores de La Voz. A influencia de La Voz de Galicia nas eleccións do 2009 foi moi clara e evidente.

O realmente paradoxal é que en Galicia temos moitas cabeceiras pero moi pouca pluralidade. Practicamente todos os xornais galegos teñen unha orientación conservadora, de “centro-dereita” e traballan en prol de políticas conservadoras.


*Manuel Castells (Hellín, Albacete, 1942) é un dos sociólogos máis importantes a nivel mundial. Máis información na Wikipedia

** A.K.A. Calidonia (http://calidonia.eu/)

 

Fala da “deleiba da lingua de Galicia”. Foi unha estafa o movemento de Galicia Bilingüe? Alguén dos que acreditaron neles cren agora tras o cambio de goberno?

Evidentemente foi unha estafa. Galicia Bilingüe preséntase como un movemento mantedor do respecto aos dereitos lingüísticos e do recoñecemento formal de que en Galicia hai dúas linguas; pero o que en realidade se agocha é un programa de monolingüismo en castelán en Galicia. Non se lle viu a este movemento ningún compromiso no proceso de normalización e no avance da lingua galega. Ademais introduce un debate que é igualmente falso: o problema lingüístico non se resolve en termos de liberdade. En Galicia non hai un marco legal que impida aos cidadáns expresarse nunha ou noutra lingua. O que existe é unha situación de desigualdade efectiva, unha desvantaxe social para os cidadáns que teñen o galego como lingua vehicular, e isto require accións políticas compensatorias.

O Estatuto de Autonomía déixano moi claro: As institucións galegas teñen un mandato normalizador que han de cumprir e favorecer o galego naqueles ámbitos onde estea en desvantaxe. O debate lingüístico é un debate arredor da igualdade, e esa igualdade agora mesmo non está garantida para os galegofalantes.


Outro dos puntos nos que se incide repetidamente en A novísima dereita e nós é no “galeguismo conservador” agrupado en torno da figura de Baltar pai. Sería posible en Galicia un partido de tendencia conservadora e galeguista, similar ao PNV ou CiU en Euskadi e Catalunya, respectivamente?. Unha sensibilidade política que dende algúns sectores se lle reclaman a xente como Rafael Cuíña, por exemplo.

Existe en Galicia unha escola dereitista antiga, que arranca coa UCD, prende en Coalición Galega e en Centristas de Galicia e acaba colgándose finalmente no Partido Popular. Unha das persoas que leva un grande peso nesa dereita conservadora de forte compoñente rexionalista é Baltar, e a súa política dende hai anos é sempre a mesma: Paz por territorio. Na provincia de Ourense déixame facer a min e eu consígoche os votos que ti necesitas para gobernar Galicia. Feijoo, que sataniza as coalicións, está nun goberno de coalición, formado polo PP e polos baltaristas.

Feijoo equivocouse no seu enfrontamento contra o binomio Baltar&Baltar. El pensaba que unha vez investido como presidente da Xunta, beizoado polo aparato de Madrid podería dobregar aos baltaristas, pero a estes non lles puido someter nin Manuel Fraga.

Que Galicia teña un partido político de centro-dereita galeguista non é nada doado, son moitas as trabas para obter representación, principalmente pola franxa do 5% de votos.

Eu admiro moito a Rafael Cuíña, aínda que creo que nada contracorrente respecto do seu partido. Mentres que Rafael alude a un proxecto político (do que xa falara moito o seu pai Xosé Cuíña) de converter o PPdG nun partido galeguista e de dereitas, o obxectivo do PP é facer un partido político xeral para todo o estado. Que o PPdG sexa homologable ao PP de Castela A Mancha ou de Murcia ou de Andalucía. Aplicar as mesmas políticas aquí que aló. Ademais, o PP ten unha concepción do autogoberno galego como de subgoberno. As políticas que se deciden fora son as que se aplicarán logo aquí. Por todo isto, o sector galeguista do PPdG (que efectivamente si que hai) está condenado ao fracaso.

Logo hai esforzos moi meritorios que se están a facer para que aparezan novas sensibilidades políticas, como é o caso de Converxencia XXI, con xente nova, galeguistas e liberais. Pero é moi difícil.


Fala moito neste libro da “novísima dereita” conservadora pero pouco dese “nós” progresista. O fracaso das autonómicas ratificouse nas eleccións municipais. Cal é o horizonte que lle queda aos partidos de corte progresista para volver conectar co seu electorado.

O que a xente pide basicamente ás forzas progresistas en Galicia é que cambien. Que abandonen as políticas de resistencia onde están instalados e que se abran. Ao PSOE evidentemente o que lle reclama a xente é que teña un perfil socialdemócrata e non a política que dende o goberno do Estado está a desenvolver Rodríguez Zapatero, de todo agás socialdemócrata. E ao BNG solicítaselle dúas cuestións: que recupere un discurso político para todos os galegos e fundamentalmente que se active como unha forza atenta a todas as novas demandas sociais.


Galicia adoece de ensaio, e aínda máis de ensaio político, polo que é de agradecer o traballo que desenvolven editoriais como 2.0 editora, que publica este libro. Cal é a función social que realizades os creadores de opinión?

Se non hai oposición política, os gobernos camiñan cara o totalitarismo. O ensaio político, a opinión política xornalística, é combustible democrático. Na medida en que non existe o sistema vai cara unha deriva desdemocratizadora. Eu creo que en Galicia hai moita opinión política e o xénero de ensaio volve estar no primeiro plano, sobre todo –e curiosamente- da man de pequenas editoras. Vemos que moitas editoriais apostan polo ensaio, pero é un ensaio máis académico, que non pretende a polémica social senón amosar unha cara máis amable, con resultados de investigacións… Coido é necesario un tipo de ensaio de peso, polemista, de confrontación de ideas e catalizador dun tipo de conversa cidadá. Para iso é necesario atopar espazos de comunicación libres, non só nos libros senón tamén nos espazos públicos, a imaxe dos antigos ateneos, onde cidadáns comúns poidan entrar en contacto coa expresión de novas ideas políticas.

Sabemos que o ensaio non é outra cousa que escribir pensando. Eu son especialmente optimista cando vexo editoras como 2.0 -onde aparece este libro- e outras como Estaleiro que nos están achegando materiais para a reflexión.


Remata o libro cun epílogo titulado Os presentes da novísima dereita. Visualizase cal pode ser o futuro desta novísima dereita?

Ao meu modo de ver o futuro da novísima dereita depende fundamentalmente da debilidade das forzas progresistas. A curto prazo creo que estamos nun proceso de consolidación da hexemonía conservadora, pero en verdade aínda temos tempo de reaccionar. O bienio conservador na Xunta é extrapolable aos resultados do 22-M: O PP parte dunha posición de vantaxe pero dous anos no goberno non lle valeron para ampliar substancialmente a súa base electoral. O PPdG gaña porque a meirande parte da xente non se ve reflectida nas ofertas progresistas de Galicia. Vázquez Montalbán ten unha frase que gusto moito repetir e é que existen correlacións de forzas e correlacións de debilidades. Feijoo seguirá no goberno mentres PSdG e BNG estean nunha correlación de debilidades. Na medida en que se reactiven eses espazos e se conciban así mesmo como organizacións políticas que están na oposición pero queren ser alternativa de goberno. Na medida en que dialoguen con esa inmensa masa cidadá -ao que se lle chama partido da abstención-, Feijoo terá menos tempo de goberno, menor marxe de manobra e estará máis preto o tempo de que retornen a Galicia unhas políticas de cambio.

 

Milladoiro (Ames). Xuño 2011


Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom