Print this page

Boris Vian e os monstros da razón

Rate this item
(0 votes)

Sempre é de agradecer que teñamos acceso á mellor literatura foránea, e en esas anda a editora viguesa Factoría K coa colección Libros de altura, unha nova andaina de narrativa de adultos que se estrea cos títulos de dous escritores franceses: O señor Ibrahim e as flores do Corán, de Eric-Emmanuel Schmitt e Cuspirei sobre as vosas tumbas, de Boris Vian. A obra deste último, escrita baixo o pseudónimo de Vernon Sullivan, foi censurada por ofensa á moral e ós bos costumes nunha Francia post-segunda guerra mundial. Boris Vian foi un escritor maldito, prohibido. Ata a súa morte non se lle recoñeceron tódolos seus méritos literarios.

Ó longo da historia moitos foron os escritores malditos, incomprendidos polas diferentes realidades sociais da época. Escritores que quebraron cunha moralidade (relixiosa, política ou contra aos bos costumes) condicionante e restrictiva. Eses a quen hoxe etiquetaríamos como transgresores, inconformistas, que escriben contracorrente dos parámetros establecidos. Unha literatura extrema que a Boris Vian, coma a tantos outros, levou a que o respaldo do público, a confirmación das súas obras, as vendas, chegaran moitos anos despois. Unha certa forma de lexitimar a súa obra e que permite disuadir todos os prexuízos que levaron os seus libros ó ostracismo ou á persecución.

Os prexuízos literarios son eses pequenos demos sociais que nos impón uns gustos e unhas limitacións morais máis ala dos nosos propios intereses. Uns prexuízos que agora e sempre acompañaron ós lectores á hora de seleccionar os seus libros, a artellar as súas opinións e aconsellar ou desaconsellar a lectura e a obra de certos autores por enriba da calidade literaria (ou non) dos mesmos.

Prexuízos que consciente ou inconscientemente levaron/levan ós lectores a rexeitar as lecturas de Lorca (por homosexual), do Marqués de Sade (por inmoral), de Louis Ferdinand Céline (por apoio ós nazis), de H.P. Lovecraft (por racista e homófobo) ou incluso de Harry Potter (por satánico) por citar a algúns dos máis coñecidos, aínda que hai moitos máis. ¿Quén non asocia aínda hoxe a Álvaro Cunqueiro como militante da Falanxe? ¿Por qué se lle da máis importancia ao Cela loitador franquista e censor que ao Cela autor d’A familia de Pascual Duarte ou d’A Colmea? ¿Debemos esquecer a Vicente Risco cando deixou de ser “alguén” como escribiu Castelao no Sempre en Galiza?.

¿Por qué nos interesa máis o binomio escritor-personaxe que o escritor-obra?.

 

 

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati