Print this page

Gonzalo Hermo gaña o XIII Premio de Narrativa Breve Repsol coa obra 'Diario dun enterro'

Rate this item
(0 votes)

O filólogo, profesor e escritor Gonzalo Hermo ven de gañar a XIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra Diario dun enterro. Así o deron a coñecer na Coruña o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a voceira do xurado, a novelista e poeta Berta Dávila.

O xurado desta edición decantouse por esta obra pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. O xurado destaca o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes.

O xurado desta edición estivo composto por Anxos Sumai, gañadora da II edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Así nacen as baleas; Carlos Lema, director de Edicións da editorial Galaxia; Euloxio Rodríguez Ruibal, académico da Real Academia Galega; Berta Dávila, gañadora do Premio Narrativa Breve 2013 pola súa obra O derradeiro libro de Emma Olsen; e Dolores Vilavedra Fernández, profesora de literatura galega na USC.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio, o autor verá publicada a súa obra pola editorial Galaxia nos vindeiros meses.

Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Autónoma de Barcelona. Actualmente, vive en Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres. Diaio dun enterra é a súa primeira novela tras tres libros de poemas: Crac (Barbantesa), Celebración (Apiario) e A vida salvaxe (Pen Club Galicia).

O Premio Narrativa Breve Repsol está organizado pola refinería de Repsol na Coruña e conta coa colaboración do goberno galego, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati