Print this page

A poeta Luz Pozo Garza, nomeada filla predilecta de Ribadeo

Rate this item
(2 votes)

A escritora Luz Pozo Garza foi nomeada este sábado filla predilecta de Ribadeo nun solemne acto que se desenvolveu no salón de plenos do Concello. Durante o mesmo soaron o Himno do Antigo Reino de Galicia, o Himno Galego e unha habanera interpretada pola Coral Polifónica. Ademais unha alumna do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo deu lectura a un poema.

Interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, para darlle a benvida a Luz Pozo, á Corporación Municipal e ás persoas que a arrouparon coa súa presenza no Concello. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, foi a encargada de ler a laudatio á autora ribadense para posteriormente facerlle entrega do diploma que a acredita como filla predilecta de Ribadeo, dun ramo de flores e do pin de Ribadeo. 

Otero Carbarcos na súa disertación subliñou que "eses poucos anos que Luz Pozo residiu en Ribadeo foron suficientes para ter ese sentimento de pertenza e apego pola nosa vila, como deixa ben claro cada vez que ten oportunidade e ao longo de toda a súa obra”.

Pola súa banda, a homenaxeada tomou a palabra para agradecer "de corazón a honra que vostedes me fan, con toda a Corporación Municipal, no momento de nomearme filla predilecta de Ribadeo, a miña terra natal, que medra comigo, vive comigo e morre comigo. Cada vez estou máis convencida de que a morte non existe, pasamos desta vida a outra. Quizás sexa mellor, eu penso que si, pero isto tampouco é nada malo".

Luz Pozo lembrou que "vivo en Ribadeo durante 7 anos, nacín na núa de San Roque, nunha casa que era de dona Amadora de Importancia. O espectáculo daquel tempo era o fútbol. O domingo a dona da casa chamaba a miña nai e dicía: Luz baixa, vamos ver pasar a xente que vai para o fútbol. Iso era o espectáculo máximo no 1923 aproximadamente. Tamén recordo dese tempo na rúa de San Roque o día de Reis, os xoguetes, compartidos coa familia de Cancio, Adela e Reginita; entre eles había unha bicicleta que ao meu irmán, que tiña case 4 anos máis, volvíao tolo, pero Adelita non lla prestaba. Había tamén un cabaliño de madeira, ao que lle faltaba unha orella. Despois trasladámonos a Cantalarrana, á casa de campo de don Bonifacio Díaz. Había unhas lilas preciosas, que eu quería coller pero dicíanme que non podía porque eran de don Bonifacio, que entón para min era o rei das lilas. Había unha riachiaño que daba a volta por arredor da casa de Cantalarrana, era moi pequeniño e alí ía a nosa muchacha a lavar a roupa e levábame a min… En Ribadeo bautizáronme e confirmáronme, antes de marchar a Viveiro en 1930. Despois no 36 xa veu a guerra e tivemos que marchar, primeiro a Lugo e logo a Marruecos. E aquí estou hoxe con vós, estou sempre con vós. Quérovos".

Luz Pozo Garca naceu en Ribadeo en 1922. Os seus primeiros traballos foron publicados en Las Riberas del Eo, La Noche, Poesía Española, Ínsula ou Vida Gallega. E Dionisio Gamallo Fierros, en palabras da autora, foi o seu mentor. Viviu en Lugo, Marrocos, Viveiro e Vigo. Na cidade olívica desenvolveu unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario. Codirixiu a revista Nordés e promoveu tamén a creación de Clave Orión.

A escritora ribadense é membro da Real Academia Galega desde 1996. Publicou, entre outras, obras poéticas como Ribadeo, Ribadeo; As arpas de Iwerddon; Deter o día cunha flor ou Rosa tántrica. Pozo Garza tamén cultivou o ensaio en obras como Diálogos con Rosalía, Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo ou Tres poetas medievais da ría de Vigo. 

Ao longo destes anos recibiu premios como o Miguel González Garcés en 1992, Celanova Casa dos Poetas no 2001, o da Crítica da Poesía Galega no 2009, o Cultura Galega das Letras no 2013, o Laxeiro en 2014 ou o Trasalba en 2019.

No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa. No 2018 Luz Pozo Garza foi nomeada filla adoptiva de Viveiro.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati