Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Winnipeg (Xerais) de Hixinio Puentes

Rate this item
(8 votes)

Hai historias terribles que compre contar para que a forza do Lethes non arromben con elas e as súas augas as leven corrente abaixo, lonxe de nós. Acontecementos que son precisos coñecer, onde se fai necesario saber o que pasou. Entre esas historias que algunhas persoas queren sepultar baixo múltiples capas de indolencia e de apatía está a historia dos irmás cariñeses Pita Armada, e para contala temos a un narrador posuidor dunha das prosas máis áxiles das nosas letras: Hixinio Puentes.

Winnipeg (Xerais) amosa ao lector -a xeito de crónica- a peripecia vital da familia Pita Armada. Propietarios de varios negocios na vila ortegana de Cariño, entre eles unha fábrica de conserva, amósanse activos na mellora das condicións de traballo dos empregados desta puxante industria a través do Sindicato da Industria Pesqueira. O estoupido da guerra vailles poñer no gume da navalla de insidiosos e de malpocados. Seica houbo un momento na nosa historia recente onde axudar ao veciño pagábase coa morte.

O levantamento militar, a fuxida, os anos da guerra, a botadura do Winnipeg na costa francesa e, finalmente, o golpe militar chileno son algúns dos pasaxes debuxados con estrema mestría por Hixinio Puentes.

Winnipeg é unha desas historias, como tantas outras, para ler, coñecer e non esquecer.

 

 


 

As súas novelas navegan entre as augas da ficción e da realidade, mais neste Winnipeg vai dar paso -case que a modo de crónica- á vida dos irmáns cariñeses Pita Armada, vencellados ao sindicato das industrias pesqueiras. Que lle atraeu da historia desta familia?

Souben dos Pita Armada investigando sobre o alzamento militar e a posterior represión exercida no norte da provincia da Coruña. Estes irmáns forman parte dunha familia moi emprendedora e potente da vila de Cariño nos anos da República. O pai, partindo de ser un contratista de obra, chega a ter fábricas de salga xunto a outros empresarios da bisbarra ata se establecer por conta propia. Os fillos –dos que tivo un feixe deles- tiñan un taxi, un surtidor de gasolina; outro -o fillo máis vello, chamado Francisco de Pita- era correspondente de La Voz de Galicia e dispuña dun almacén de materiais; outros traballan na fábrica. Manuel, que será o protagonista e narrador de Winnipeg, chegou a ter a que seguramente fora a primeira libraría que houbo en Cariño: a Cervantes; e a familia era propietaria do primeiro hotel que houbo na vila. Estamos a falar, polo tanto, dunha familia importante de Cariño a quen o movemento nacional estragou por completo: uns fuxiron, a outros matáronos, e os que quedaron vivos tiveron que marchar porque lles fixeron a vida imposible, ata pasar a establecerse na Coruña onde puxeron un hostal na rúa Rego de Auga.

Un feito curioso desta familia é que tres dos irmáns que ficaron na vila pensando que a eles non lles farían mal ningún, porque non estaban vinculados con nada dos sindicatos, remataron sendo fusilados. Os outros tres irmáns, que estaban comprometidos, decidiron poñer terra (máis ben mar) por medio. Estes son os que finalmente vivirán.

En Cariño desta familia non quedou case ninguén, agás algunha esposa abandonada polos que fuxiron, ou un neno de berce. Ese cativo, chamado como seu tío fusilado Pancho de Pita, axudoume moitísimo nesta novela e, a pesares de morrer uns meses antes de que saíra publicada Winnipeg, eu tiven a satisfacción de que puido lela.


Ao pouco de comezar a lectura de Winnipeg Manuel Pita Armada, que levará a voz narradora da novela, avisa: “Esta é a historia da miña familia e da vila coruñesa de Cariño”. Porén, poderíamos extrapolar esa afirmación e moitas vilas costeiras serían quen de verse reflectidas nestas páxinas: o mundo da pesca, a chegada da guerra, as fuxidas...

A historia que se conta en Winnipeg, aínda que centrada en Cariño, ocorreu en moitas outras vilas do litoral galego.  É extrapolable no senso de que a represión se ceba cos sindicatos, foran estes do tipo que foran, non só os mariñeiros. Os golpistas querían desartellar a sociedade, e vaia que o conseguiron! Desapareceron os alcaldes que gañaron nas urnas, eliminaron as sociedades políticas, as sindicais, as culturais… A represión foi tremenda, moi grande.

As fuxidas a través do mar tamén foron numerosas. Eu dispoño de información de moitas embarcacións que fuxiron de Galicia, como o Arkale. Velaí están barcos con escapados da vila de Ares, de Cedeira, da zona de Viveiro… Foron estas embarcacións pequenas, das que se din langosteiras, que tiraron cara Asturias. No caso que se conta nesta novela, o Arkale, tratábase dunha embarcación máis grande, un boniteiro con base na propia Asturias.


Manuel vai ser un destacado membro do Sindicato de Industria Pesqueira (SIP), unha pola cenetista de Cariño. Como foi ese traballo de reprodución das condicións obreiras da época e que vostede detalla tan polo miúdo?

Por proximidade coñezo moi ben a vila de Cariño. Para situar a acción, amais do coñecemento propio da zona do Ortegal e da toponimia do litoral, dispuxen dun padrón municipal do ano 1910, onde están detallados os nomes, os oficios e as idades de moitas persoas. Hai moito detalle. A novela coido que ten na súa meirande parte un compoñente de realidade, con pouco espazo para a fantasía, o xustiño para ligar unhas cousas coas outras.


Outro dos piares nos que se sustenta a documentación de Winnipeg son as memorias escritas por un deses irmáns que escaparon: as de Pepe Pita Armada.

Un amigo de Cariño pasoume un exemplar desas memorias, titulada Historia de amor y tragedia*. Pepe de Pita é un dos fugados no Winnipeg, e con posterioridade volverá escapar dende Chile ata Canadá, onde seguirá traballando no tema pesqueiro, tal como fixera primeiro en Cariño e logo en Chile.

Cando leo esas memorias eu xa investigara moito sobre o Arkale, o barco boniteiro no que fuxiu toda a plana maior do Sindicato de Industrias Pesqueiras. Decateime de que as memorias de Pepe de Pita tiñan moita relación coas miñas pescudas sobre o Arkale e ese foi o motor que puxo en funcionamento a maquinaria para decidir construír esta historia da saga dos Pita Armada.

*Historia de amor y tragedia (Lions Bay [Canadá]: Edición propia, 1995)

 

Na fuxida de Cariño ten moita transcendencia o personaxe de Dimas. Un canalla como os que deberon de agromar por moitas vilas galegas e que sacaron partido a forza de poñerse enriba das lousas dos que caeron.

Os “Dimas” existiron. Aconselláronme agochar o nome verdadeiro deste “Dimas” de Cariño, un malandrón e un delator, que traizoou a quen lle axudou: o pai dos Pita Armada. Estes “Dimas” apareceron en moitas das vilas de Galicia, sen saber ben quen lles puxo aí. Homes que decidiron sobre a vida e sobre a morte dos seus veciños. Eles foron os que elaboraron as listas cos nomes dos veciños que deberían de ser detidos e xulgados en Ferrol e fusilados, case sempre tras falsos xuízos.

 

Sempre o mar: dende o labor das fábricas de conserva ata pasar a ser testemuña silenciosa das fuxidas.

Hai un parágrafo en Winnipeg no que expreso que Cariño e o mar sempre foron a mesma cousa. O mar está aí para salvar a vida dos tres irmáns Pita, pero tamén me sirve para expor un dos temas que a min me interesaba: o mundo da pesca durante os anos da República. Eu podo dar pinceladas de cómo eran as confrarías ou os pósitos de pescadores, podo describir como se pescaba, como eran as embarcacións empregadas, o mundo laboral nas fábricas de salga...

Logo terei que abandonar ese tema axiña acontece o alzamento militar, xa que os protagonistas me levan a outras historias, aínda que o mar sempre estará aí, acompañándoos a través das diferentes fuxidas que aparecen na novela.

 

Winnipeg será o nome do barco que o poeta chileno Pablo Neruda flotou para levar ata o país andino os exiliados republicanos. Con todo, vaille servir para fiar unha  singradura de preto de corenta anos entre dous alzamentos militares: o de Franco e o de Pinochet.

Pablo Neruda, que estivera en España como parte do corpo diplomático, solicita a Pedro Aguirre Cerda, presidente chileno naquelas datas, sacar a republicanos españois cando ve o que está a acontecer. Esta solicitude terá dúas motivacións: por unha banda salvar vidas e por outra dar un pulo á economía chilena. No Winnipeg viaxan xente moi formada e instruída. Embarcados van avogados, enxeñeiros, xente do mundo da pesca, etc… Será unha decisión moi criticada pola prensa chilena, xa que a clase media dese país pensan que os españois van desprazalos dos seus postos.

Unha vez en Chile, como se mostra ao comezo de Winnipeg, o protagonista da historia revive o horror dun novo golpe de estado. Manuel considera que debe rexistrar os acontecementos ocorridos na súa vila de Cariño e decide plasmalo nun escrito para que non se perda na memoria. Manuel é un home que segue vivindo no medo.

 

Pensarías que levas ao lombo o cadáver das túas lembranzas e en realidade co que cargarías  sería co teu propio cadáver”, espétanlle a Manuel Pita Armada ante a esperanza deste de retornar algún día a Galicia. Moitas e moitos exiliados perderon fogares, familias, traballos, a súa lingua…  Refixeron as súas vidas e as alimentaron a base dos refugallos da memoria. Como se sobrepón un animicamente ante a dificultade de ver con outros ollos o pasado?

A comunicación cos familiares que ficaron nas súas vilas era moi difícil e normalmente facíase grazas á por intermediación doutras persoas para evitar a intervención das cartas.

Moitos destes republicanos que tiveron que poñer mar por medio, que non tiveron posibilidade ningunha de se reunir coas súas familias, armaron outra familia no seu país de destino e de refuxio. Eu teño visto fillos destes homes que se queren como irmáns sendo de nais diferentes, porque eles saben que o pai non abandonou a uns por desidia senón por causa de forza maior. E iso une, porque os fillos tidos no estranxeiro van estar unidos –dalgún xeito- á terra que seu pai tivo que abandonar. Moitos destes pais nunca puideron retornar; outros, tras a morte do ditador, foron moi poucos os que regresaron antes.

 

Cales son as cinzas que quedan de todas estas historias?

Ata hai poucos anos ninguén ou case ninguén quería falar disto. Polo tanto coido que é importante publicar este tipo de libros e contar cousas que se sabía ou que se contaba a porta pechada.

 

En Winnipeg o peso da historia vólvea levar o narrador. Por que ese gusto polo individual?

A min gústame contar en primeira persoa porque permíteche precisar máis ao detalle. Mentres que as historias en terceira persoa fala máis o autor, e podes meterte en xeneralidades, en primeira podes chegar a cousas máis concretas do personaxe, como se fosen fotografías do que está a narrar. A min gústame moito este xeito de contar, pero coido non debería de ser así sempre xa que estaríamos sempre repetíndonos.

 

Porto do Barqueiro (Mañón). Setembro, 2013

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
2
3
17
23
24
25
26
29
30

Exposicións >

No upcoming event!