Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Vento e chuvia (Xerais) de Manuel Gago e Manel Cráneo

Rate this item
(8 votes)

Sempre seremos onte. Sachar na memoria, facer medrar a nosa historia. É en verdade importante coñecernos, saber de onde vimos. E nesa laboura anda o xornalista e investigador Manuel Gago que, xunto o traballo de ilustración de Manel Cráneo, publicaron un dos libros máis interesantes dos últimos meses: Vento e chuvia. Mitoloxía da antiga Gallaecia, publicado por Xerais.

Tomando como base toda a investigación sobre a antiga relixión prerromana do territorio no que nos asentamos, Gago fai brotar do maxín, coma se dunha nova reexistencia se tratara, a eses deuses e heroes que, de seguro, recibiron as pregarias e as ofrendas dos nosos devanceiros. Real ou fantasía, o que Manuel Gago nos ofrece aquí é un magnífico exercicio de literaturizar a vida.

Magníficos relatos acompañados das potencia visual das ilustracións de Manel Cráneo. Dos pinceis do coruñés brota unha mitoloxía e unha época convulsa e violenta. Atopámonos cara a cara con deuses terribles e implacábeis, pero Cráneo tamén é quen de reproducir a fermosura dun territorio tan próximo a nós.

Vento e chuvia incorpórase con todo dereito a esa listaxe de libros que non deberían de faltar en ningún fogar.

 

 


 

 

Manuel, na introdución deste libro indica que o xermolo de Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia agromou hai xa vinte anos. En qué momento ese interese por saber sobre a Gallaecia prerromana devén nunha necesidade de ficcionar as crenzas e os mitos dos nosos devanceiros?

Manuel Gago: Eu son de Palmeira, no concello de Ribeira, e canda neno meu pai regaloume un libro que acababa de saír sobre o Barbanza e que coincidiu co espertar dos estudos locais en Galicia, na década dos 80. Titulábase Prehistoria e arqueoloxía da Terra da Barbanza* e nese libro aparecía un catálogo con xacementos prehistóricos, mámoas, petróglifos, castros, etc. que había no Barbanza. Sendo pequeno percorrín todos eses lugares; o que acontecía é que dende o primeiro momento que visitaba eses sitios, onde máis me fixaba non eran nas ruínas en si, senón no que a xente que moraba o que agora son ruínas nos querían transmitir. Obviamente isto foi evolucionando e onde antes chegaba en bicicleta máis adiante puiden chegar en coche e entrei máis en contacto con este mundo.

Por outra banda, está o meu interese en considerar a literatura como unha parte máis da ciencia, no sentido de que a arqueoloxía experimental as veces “supón” ou “imaxina” para que serviron certas ferramentas que se achan nos restos arqueolóxicos.

Logo está o feito de que en Galicia, aínda que se fixera literatura sobre a Idade do Ferro, o único libro destinado a un público adulto cumpre agora trinta anos dende a súa publicación. Trátase de ¡Ouveade, naves de Tarsish!**. Todo o que está escrito despois dese libro de Bernárdez Vilar é literatura para nenos. Resúltame curioso como se infantiliza este mundo, de como se presupón que a prehistoria só pode interesar aos nenos dos colexios e non serve para educar o público adulto. É un concepto moi estraño que daría para unha fonda reflexión. Eu decido escribir sobre a Idade de Ferro, unha temática moi vencellada as miñas lecturas dos últimos anos sobre mitoloxía, mitoloxía comparada e mitoloxía da Gallaecia. Intento contar sobre este mundo porque a mitoloxía fálanos das cousas que máis nos inqueda como seres humanos: a morte, a relación co mundo, a xustificación das desigualdades, o concepto de xustiza, o destino… A mitoloxía serve para concibir como eses devanceiros teus e meus formulaban todas esas cuestións.

* Prehistoria e arqueoloxía da Terra da Barbanza (Concello de Noia, 1986) de Xerardo Agrafoxo Pérez.

** ¡Ouveade, naves de Tarsish (Ediciós do Castro, 1983) de Xoán Bernárdez Vilar.


portadaUnha das características das crenzas relixiosas é a recreación: outorgar unha nova reexistencia aos mitos e ritos dos pobos anteriores, adaptándoos ao seu tempo e á súa circunstancia. Cales son as fontes das que bebeu vostede para amosar aos lectores este panteón de deuses e heroes galaicos que vemos en Vento e chuvia?.

Manuel Gago: As fontes foron innumerábeis. Poderíamos falar, nun primeiro momento, dunha liña de investigación científica e académica. Os deuses do noroeste ocupan un lugar moi interesante dentro dos estudos das mitoloxías prehistóricas ibéricas, onde o setenta por cento dos teónimos da Península están aquí, no territorio da antiga Gallaecia. Formamos parte dun enclave cunha alta concentración de deuses, o que ten dado lugar á creación de moita investigación e de estudos académicos dende un punto de vista de historia das relixións e das relixións comparadas con outros deuses indoeuropeos. Resumindo, lin moita literatura académica que por desgraza está destinada a un público igualmente académico.

Logo hai outra parte que ten que ver máis co proceso creativo, pero de creación moi limitada. Non podes crear un mundo novo como en Xogo de tronos, por exemplo, aquí as regras xa están postas. En Vento e chuvia o lector atopará creatividade, hai fantasía, existe un límite entre coñecemento e imaxinación, pero esa creatividade, esa fantasía e esa imaxinación están limitadas polo coñecemento que temos sobre esa época da Idade de Ferro e as crenzas que os seus habitantes tiñan.

Vento e chuvia intenta reproducir un mundo factible pero que na práctica é un mundo imaxinario. Porén o lector atopará moitos pés de páxina con referencias onde intento mostrarlle que é o imaxinario e que é o real.

Xa que logo, para construír esa parte imaxinaria recorrín a elementos mitolóxicos de medio mundo. Un lector atento decatarase de que hai referencias dende as mitoloxías clásicas latinas e gregas ata elementos de mitoloxías nórdicas, mesoamericanas ou africanas, pasando por xogos metaliterarios. En Vento e chuvia están escondidos dende versos de Fuxan os ventos a poemas de Manuel Antonio e, por suposto, hai moito de tradición oral galega.

 

O traballo de ilustración de Manel Cráneo mira cara o pasado nalgunhas das súas últimas obras, como é o caso de Os lobos de Moeche (Demo) ou de A Torre dos Mouros (Demo). Cómo chega vostede a establecer esa relación entre ilustración e Historia?

Manel Cráneo: Teño unha gran tendencia a relacionar ilustración con todo aquilo que me gusta. De feito, considero que a ilustración realmente está relacionada con todas as cousas do universo coñecido. A nosa sociedade é virtual en tódolos sentidos. Se nos remontamos ás orixes, calquera alfabeto fundaméntase en iconas, en imaxes.

A xente polo xeral non se para a pensar que incluso as letras e os números son debuxos contextualizados dentro dun código de comunicación. O que na actualidade entendemos como grafismo abrangue calquera concepto debuxado independentemente do que represente e o uso práctico que se lle teña. Deste xeito calquera idea ou concepto -sexa abstracto ou figurativo- pode ser traducido á linguaxe da ilustración. Un bo exemplo son as metáforas visuais que podemos ver nos cómics.

Postos a relacionar Historia e ilustración, sinto moita curiosidade polo noso pasado xa que unha das miñas ideas básicas é que non existirá xamais un futuro mellor se non aprendemos sobre os erros do pasado. É por iso que constantemente na Historia atopo temas que nos están dando leccións sobre a sociedade actual e moi probablemente sobre a futura.

Os Lobos de Moeche é unha historia sobre as Revoltas Irmandiñas, as primeiras que houbo en Europa deste perfil e non as últimas; a fin de contas, agora mesmo vivimos unha revolta contra o poder establecido. As armas cambiaron, as catapultas mudaron polas redes sociais, os ciclos repítense.

Creo que a ilustración e a banda deseñada como medios de comunicación e a través da ficción permítenos lanzar mensaxes sobre a esencia do ser humano.

Neste último aspecto, o texto do compañeiro Manuel Gago está cargado de exemplos de condutas. Vento e Chuvia está moi na liña de proxectos que me interesan, relacionados có noso patrimonio histórico e que ao tempo poden ser un espello das múltiples condutas humanas que se manteñen có paso dos tempos na sociedade.

 

Historias sustentadas en abondosa documentación. Manuel, qué características tivo vostede presente para xerar esa cosmovisión primixenia que aparece en Vento e chuvia?

Manuel Gago: Grazas ás investigacións científicas somos coñecedores de que a Idade de Ferro é un momento histórico de grandes cambios sociais na Gallaecia. A arqueoloxía reflicte que nesa época pásase dun mundo máis comunitario a un mundo onde aparecen elites e onde xorden diferenciacións sociais. Moitos dos mitos mostrados en Vento e chuvia interactúan con ese proceso de tensión social que se está a producir. Escribín o libro coma se eu me adentrara nunha casoupa castrexa, de noite, co cheiro a lume impregnando o ambiente e moita xente reunida ao redor das chamas contando historias mentres eu as rexistro coa miña gravadora.

A escrita do libro está tamén moi relacionada coa miña experiencia recollendo tradición oral ao longo de Galicia. A tradición oral ten unhas estruturas dentro do seu propio mundo onde moitas das cousas que se contan danse por supostas. En Vento e chuvia procuro reproducir ese espírito, intento recrear un relato contado desde o punto de vista dun castrexo. Se te decatas, neste libro case non aparecen descricións: nin de deuses, nin de persoas, nin de castros. Moitas desas cousas danse por supostas. Queiras ou non todo o mundo sabe como é un castro, está feito a mantenta aínda que ás veces a ausencia de descricións poida dificultar a lectura se non estás metido nese mundo.

A partires dese punto hai unha reflexión sobre quen son os nosos devanceiros e en que medida convertémoslles nunha especie de bonecos infantís. É a mesma opinión da que che falaba antes da literatura, paréceme perfecto e necesario falar deles nos colexios, pero por qué non tamén aos adultos? Hai que ter en conta que os patriarcas do país, Murguía e Pondal, construíron o cerne da identidade galega partindo precisamente da Idade de Ferro, sexa logo isto certo ou non. Os castrexos eran seres integrais, maduros, complexos e sofisticados. E todo iso significa que eran seres con memoria. Á hora de reconstruír esta mitoloxía tiven que reflexionar en que medida eles coñecían o seu pasado, construíano e adaptábano as súas necesidades. A forma que tiven de expresalo foi creando unha primeira mitoloxía da que para eles só quedaban físgoas, e aínda máis, físgoas conflitivas, que correspondería aos deuses da primeira idade. Son deuses con moitos atributos animais, ou directamente son animais; e logo están os deuses da segunda idade, máis parecidos xa aos homes. O lector poderá ver como existe unha interacción entre os deuses da primeira idade cos deuses da segunda idade e como, polo xeral, acaba dunha forma conflitiva. Dalgún xeito eses mitos intentan explicar tanto o seu pasado como a colisión que os galaicos de hai vinte séculos teñen con ese pasado.

 

 ilustracion-1

Como ilustrador, que retos lle supuxo traer ao presente elementos do noso pasado, das crenzas dos nosos devanceiros?

Manel Cráneo: En Vento e Chuvia concretamente, o reto era moi grande xa que construímos a partir de ruínas e de datos moi limitados. A cultura castrexa non deixou unha linguaxe escrita e temos referencia grazas a textos romanos. Antes da romanización todo se complica. No aspecto ritual, e facendo un grande exercicio de abstracción, podemos imaxinar como viviría e sentiría esta xente tanto o seu universo como o propio planeta. Podemos recrealo a través de ilustracións usando os elementos que nos deixou a historia, como por exemplo os machados de uso ritual atopados en diversos castros galegos, máis tamén temos que engadir noutra capa elementos de ficción ou imaxinarios para conseguir unha representación máis completa. Hai moitas lagoas na historia.

É obvio que se resulta difícil a un cristián meterse na mente dun musulmán -e ambos son conceptos coexistentes no tempo- nin che conto o complicado que pode chegar a ser entender as crenzas dunha mitoloxía da que temos tan só algunhas pistas contadas. Poden quedar restos na cultura popular pero moi difuminados pola contaminación cultural que foi chegando a Galiza ao longo dos séculos. A nivel de ilustración, facendo este traballo sentinme un pouco como un cazador de pantasmas. Cando visitaba con Manuel os castros que saen no libro, o meu maior desexo era ver a aparición do espírito dalgún druída, e que nos contase algo en directo, máis o máximo que chegamos a atopar foi un corzo que case me mata do susto. Foi en Castromaior [risas]. Naquel intre soltei a broma dicindo que era o espírito de Nauia. Unha das deusas que no libro ten cornamenta de cérvido.

 

Un dos aspectos máis salientables de Vento e chuvia, e seica debeu dar traballo abondo, foi manter o ton lendario co que Manuel Gago relata as historias destes deuses.

Manuel Gago: O libro non é moi grande pero deume moito traballo escribilo. Axiña rematei de escribir Vento e chuvia empecei cun novo proxecto, ambientando noutra época histórica totalmente diferente á que se amosa aquí. Estouno escribindo a unha grande velocidade, mentres que en Vento e chuvia levoume, cada folla, un tempo incríbel. Agora sei que o que diferenza o proxecto actual ao de Vento e chuvia é o ton empregado, a utilización de determinadas palabras, manter determinado ritmo narrativo, intentar conciliar a documentación que tiña e a recollida de relatos a nivel oral, etc. García Quintela, autor do posfacio do libro, di que está escrito como un libro dos deuses, no sentido que se emprega unha linguaxe que non se utiliza na lingua dos humanos. Traballar iso deume un choio inmenso: que fora lexible ou que o mundo que reflectise a nivel toponímico e onomástico tiveran certa coherencia abofé que foi un traballo de ourive.

Pero de todo ese labor despréndese a parte positiva. O día da inauguración catro actores realizaron unha lectura dramatizada do texto, e vías como as historias medraban e medraban… Eu tiña os pelos como cambos. Vías como o artefacto este funcionaba…

 

E leva ese tipo de narración ao estremo en Sulas Nantugaicas, exposto coma se dun poema épico se tratase.

Manuel Gago: E na web que fixemos de Vento e chuvia* vou un pouco máis alá. Hai tres relatos extras que non aparecen no libro e un deles chámase Os Breitei Camein, “As palabras dos camiños” onde formulo como os habitantes da Gallaecia prerromana se orientaban, reconstruíndo os camiños a partires de versos.

O relato das Sulas Nantugaicas é máis poético que As palabras dos camiños. Para min foi fundamental o libro La visión de los vencidos**, de Miguel León Portilla. Nese libro móstrase por vez primeira a visión que tiveron os indíxenas mexicanos tras a conquista de México. Os versos que aparecen nese libro son versos tremendamente fortes, pero ao mesmo tempo capaces de ofrecer unha sensación de desacougo moi grande, capaz de producir non só no físico, senón no conceptual do universo.

*Web de Vento e chuvia (http://www.ventoechuvia.com)

** La visión de los vencidos, publicado en 1959 por Miguel León-Portilla.

 

Supoñemos que un dos grandes retos aos que se tivo que enfrontar neste labor de ilustración foi o feito de representar os deuses da antiga mitoloxía galaica que aparecen en Vento e chuvia, dos que nalgúns casos nos chegaron representacións moi liviáns. Neste caso que pesou máis? Esas escasas representacións? A liberdade de representar algo novo deixándose levar pola creatividade?

Manel Cráneo: A ese nivel hei de dicir que Manuel facilitoume moito o meu traballo. Polo xeral cando fago proxectos de ambientación histórica dedico máis tempo a documentarme e escribir que a debuxar propiamente. Neste caso, ao traballar sobre o seu texto e tendo en conta que Manuel adica moito tempo a documentarse, permitiume darlle moitas voltas a cada ilustración e creo que iso nótase no resultado da meirande parte delas.

Partimos de imaxes e iconas que se conservan, como por exemplo no caso de Vestio Alonieco, baseado na figura de Cernunnos. Fixeime tamén en tipoloxías en canto a características faciais da xente das diferentes comarcas galegas; por exemplo Poemana ten unha beleza moi de moza da terra Chá. A isto sumámoslle o factor de liberdade creativa e sae o resultado que podedes ver no libro. Pero en xeral sempre que puidemos partimos desas iconografías básicas milenarias e intentamos manter a súa esencia para poñerlles cara as deidades.

O caso de Reue foi moi curioso, xa que non temos unha boa referencia da súa cara pero si do seu membro viril grazas a unha talla en pedra de Larouco que Manuel atopou en Portugal e por outras referencias asociadas a este deus, pero o aparato non sae debuxado no libro [risas].

 

Cales son as fases que segue vostede á hora de ilustrar, de traballar con este tipo de libros de carácter mitolóxico, de carácter histórico?

Manel Cráneo: Como comentaba antes paso máis tempo adicándome a ler, a buscar documentación gráfica e sobre todo a pensar que vou debuxar e como vou facelo. Neste caso Manuel pasoume a meirande parte da documentación, pero hai que dicir que existe máis documentación escrita en forma de ensaio que a nivel gráfico. Dun anaco de oso dun can da época castrexa, como reconstrúes a súa raza? Unha raza que hoxe igual nin existe! Pois vímonos nese caso onde houbo que acudir un pouco á imaxinación en casos nos que eu precisaba matizar detalles dos que non temos legado iconográfico. Si que temos moitas referencias de pezas cerámicas, arquitecturas, etc.; pero houbo casos nos que foi complicado atopar cousas e aí é onde a imaxinación debe aportar elementos e integralos ben, sempre a prol da coherencia visual. Manuel pasoume moita documentación e aínda así sempre hai espazos en branco. Outro por exemplo é o das embarcacións da época castrexa, pouca referencia temos...

Cando traballo en solitario pásame o mesmo, creo que nese aspecto tanto Manuel coma min somos uns traballadores obsesivos e que poñemos especial énfase en documentarnos ben, aínda que iso non queira significar que se poida escapar algún detalle nun momento dado. Coa historia traballamos con materia moi delicada e nun campo moi complexo. Ademais a historia está sempre por escribir, existen enigmas en torno a fitos históricos sobre os que pululan diferentes hipóteses e no mundo castrexo é moi habitual toparse con elas debido ás particularidades que achamos por exemplo na tipoloxía de cada castro. Intentamos manexar todos os elementos con moito respecto e coidado.

 

Outra cousa moi interesante de Vento e chuvia é o percorrido que se realiza, xa non tanto polas deidades como pola propia xeografía galega. Vemos unha estreitísima relación entre mitos e lugares.

Manuel Gago: Un amigo antropólogo di que toda Galicia é un templo. Hai moita verdade nesa afirmación. En calquera parte de Galicia hai un cruceiro, unha ermida. Toda Galicia está santificada. Temos petróglifos que definen lugares sagrados. Párate a pensar en todos eses petróglifos, eses cruceiros, esas ermidas e igrexas, en todos os lugares sagrados que están diseminados polo país adiante, colles a microtoponimia e iso esténdese. Hai unha cuestión moi básica das mitoloxías antigas que é a vinculación entre os deuses e un territorio concreto. Reue, que era o deus máximo, vive no Larouco. E sabémolo porque no monte Larouco, fronteirizo entre Galicia e Portugal, foron localizadas tres aras en diferentes lugares honrando a Reue.

A mitoloxía é territorio e os deuses son habitantes dese territorio, aínda que ás veces o territorio mitolóxico non teña nada que ver co territorio visto dende o plano humano, como acontece con Tara*, a capital mítica de Irlanda.

* Tara – Temair, sede do Árd Rí Éireann (o Gran Rei de Eire) http://www.mythicalireland.com/ancientsites/tara)

 

Neste libro non se fala dunha única nación, que podería ser a Gallaecia, senón que falamos de moitas nacións que poboan este territorio. Era común entre esas nacións compartir ritos, crenzas e deuses?

Manuel Gago: Os deuses que aparecen en Vento e chuvia son deuses do occidente da península Ibérica, especialmente concentrados na Gallaecia. Esta Gallaecia non correspondería ao que coñecemos hoxe en día como Galicia, senón que abranguería Asturias, o Bierzo e parte de Portugal. Gallaecia e Lusitania foron moi parecidas respecto as divindades.

Algúns destes deuses, como Reue ou como Nauia, ocupan unha vasta extensión de territorio. Outros están moito máis localizados, como os casos de Poemana ou de Cossue, o deus vencellado á guerra.

Logo hai deuses comúns a toda a Europa atlántica, aínda que se coñecen como diferentes nomes. Vestio Alonieco, ese deus con cornos, é un prototipo de divindade que se repite noutras lugares. Na Gallaeicia chamábanlle Vestio Alonieco e noutros lugares era coñecido con outros nomes, como Cernunnos, do que falou antes Manel Cráneo.

O que procuro en Vento e chuvia é seguir os pasos deses deuses, seguindo cos restos arqueolóxicos atopados. Reue vive no monte Larouco pero é capaz de desprazarse ata Trecondo, que é o castro das Travesas, situado en Carral. Outros deuses móvense por un territorio moi concreto, como Poemana, neste caso un mundo rural, gandeiro, e localizo a súa historia nos montes de Melide, moi preto de onde se atopou a súa ara.

 

A relación entre texto e ilustración. Nese sentido, cal foi o enfoque que se procurou dar en Vento e chuvia?

Manel Cráneo: Cando ilustro textos, xa sexan meus ou ben sexan alleos, entendo sempre que a ilustración debe de aportar algo máis. Os primeiros ilustradores profesionais foron probablemente os iluminadores de conventos e abadías medievais, tiñan salas onde pasaban o día debuxando e material técnico axeitado para desenvolver o seu oficio. O concepto de ilustración que eu defendo é ese, o de iluminar. Cando fas ilustración da de verdade, arroxas luz sobre un texto, debes abrirlle portas a esas palabras e non ser redundante nin repetir conceptos que xa están escritos a non ser que sexa premeditadamente e buscando un efecto concreto no lector. A ilustración debe ser un aporte que enriqueza o libro.

No caso de Vento e Chuvia foi un proceso moi enriquecedor e retroalimentativo, para min a forma de facer as cousas é xusto con procesos de traballo como o que tivemos Manuel e máis eu neste libro. Texto e ilustración ían medrando simultaneamente e retroalimentándose. A comunicación entre autores foi vital e se ben hai ilustracións que complementan os textos, tamén hai textos que partiron dalgunha das ilustracións. Un exemplo é o da cuberta, unha vez que lle propuxen a idea a Manuel, el inspirouse nela para facer un relato alternativo que aparece nos extras da web. Foi unha gozada formar parte dun proceso tan aberto. Polo xeral danche un texto pechado e búscate a vida, moitas veces nin chegas a intercambiar un correo co escritor ou escritora. Eu ilustrei libros para xente que nin coñezo…

En resumo, texto e ilustración deben compartir sempre o mesmo camiño e deixar que desde este xurdan novos carreiros sen que por iso se perda o eixo principal da historia. Ese carreiros reforzan a importancia do camiño principal que poida ter calquera intención narrativa.

 

No anexo que escribe contra o final do libro, Os pobos do Ferro, dise: “Máis alá das pedras, das árbores ou das fontes existían eses deuses. Deuses invisíbeis a ollos dos romanos, acostumados aos seus templos”. Paréceme do máis interesante esa relación co entorno que aínda se ten (ou tiñamos ata hai pouco).

Manuel Gago: Hai un detalle que me resulta completamente marabilloso que é a crenza de que os deuses desapareceron. Non o fixeron. É completamente fascinante como os deuses chegaron ata o século XXI e como se escolleu o lugar para ser gardados no proceso da vella relixión á nova, o cristianismo: aloxáronse nas igrexas. Case todas as aras que nos chegaron, onde se conservan os nomes e os atributos destes deuses, están nos templos cristiáns, ás veces seguindo un determinado simbolismo como estar gardadas debaixo do altar, por exemplo, como se o cristianismo estivera sometendo a ese deus. Hai un caso magnífico na igrexa de Santa Eufemia de Ambia* onde colocaron sobre unha ara romana a figura de Santa Eufemia. Na ara hai unhas meniñas que non sabes se están dedicadas ás ninfas ou se están dedicadas a Santa Eufemia. O fascinante desta historia é que os deuses precristiáns chegaron ata nós no lugar onde alguén, nun momento determinado, decidiu depositar a súa memoria: nos espazos sagrados. Iso é alucinante.

E como se casa iso co panteísmo natural galaico? Hai un texto moi interesante de San Martiño de Dumio titulado De correctione rusticorum (Da Corrección dos rústicos), que escribe San Martiño no século VI d.C. A San Martiño mándano aquí para converter ao reino suevo ao catolicismo. Nese libro San Martíño describe unha serie de ritos que se estiveron realizando en Galicia ata hai pouco tempo (ou incluso aínda se fan), que é interactuar coas pedras, coas augas… San Martiño lanza unha pregunta moi interesante: “E facedes todo iso invocando a demos innomeables?”. E cando di eses demos innomeables está a falar de todos estes deuses. Eu preguntaría: É a pedra á que da poder? É o deus asociado a esa pedra á que da poder? É a pedra a representación da divindade? Estrabón dicía que os galaicos eran ateos. Érano dende a súa concepción relixiosa; tanto a relixión romana como a grega eran moi institucionais, había un templo dentro da cidade onde xiraba a relixión. No caso dos habitantes da Gallaecia é moi curioso que, agás nun só caso, non se atoparon templos dentro dos castros. Non hai rastro ningún da relixión que profesaban dentro do castro; velaí o por que da afirmación de Estrabón.

Hoxe en día empezamos a comprender o seu concepto de espazo sagrado. Segundo o profesor Marco García Quintela, que ten traballado moito sobre este tema, Galicia era o seu templo. O problema está no castrocentrismo asociado ás investigacións neste eido. Pensamos na Idade de Ferro só en termos de castros, cando dende hai un tempo para acó as investigacións estanse a facer extraportas dos mesmos, aparecen moita cousas, como os cemiterios, que ata o de agora non se coñecían. Extrapola todo isto a cómo nos verían a nós un investigador de dentro de dous mil anos. Se estuda as nosas cidades non atopará rastro de actividade industrial nelas. Por que? Porque os polígonos industriais están localizados fora das cidades. As investigacións da Idade de Ferrol céntranse niso agora, e están descubrindo que fora do castro hai un mundo moito máis diverso e complexo do coñecido ata este momento.

A grande sorte que ten Galicia como país é que parte dese mundo chegou ata nós. Estamos na época actual con parte da relixiosidade popular da Idade de Ferro, transformada polo cristianismo, iso si, pero que chega ata nós. Velaí está parte desa relixión, seguramente a parte menos conflitiva, cousas do día a día, pero relixión da Idade do Ferro, ao fin e ao cabo.

*Igrexa de Santa Eufemia de Ambia, en Baño de Molgas (http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=5490&ctre=31)

 

Ler Vento e chuvia é sentir unha fascinación por ese mundo prerromano. Indica vostede que dous dos lugares máis visitados de Galicia son os castros de Baroña e de Santa Trega. Sen embargo, ese interese ás veces está enfrontado co pouco valor que outorgamos a esta cultura. Decote lemos nos xornais como se esmagan castros e restos do noso pasado.

Manuel Gago: Ese proceso patolóxico xa o analizara xunto o arqueólogo Xurxo Ayán nun libro anterior, titulado Herdeiros pola forza*. Denomínase herdeiros pola forza a esa xente que cando herda algo non sabe moi ben que facer con iso. Moitas veces é complicado herdar que non herdar. E co noso pasado e co noso patrimonio cultural pásanos unha cousa similar, ás veces non sabemos moi ben que facer con el.

Hai que ter moi en conta que a cultura é un dos grandes motores da nosa economía. O turista de praia non escolle Galicia como destino; achégase para ver a catedral de Santiago ou eses dous castros que definiches na pregunta.

Coido que un dos grandes problemas que houbo neste senso é a falta de pedagoxía sobre o noso pasado cultural. Falla a capacidade de amosar as persoas que viviron alí. O arqueólogo Tito Concheiro conta unha cousa moi interesante: cando levas a nenos a un castro, ensínasllo e logo lles pides que o debuxen. Un neno non cho vai representan como casiñas redondas talladas pola metade, senón que eles levantan as casas, poñen teitos, as casas están fumegando e debuxan a xente correndo entre elas. Esa visión do neno é a que nos falta trasladar a nosa sociedade.

Unha pregunta que sempre lanzo cando realizo unha conferencia é: Para que serve un castro hoxe en día?. Moitos dos nosos castros están invadidos polo bosque pero ata hai medio século isto non era así, eran parte do sistema agrario tradicional, e incluso do imaxinario popular, como ben reflicten todas esas lendas vinculadas aos castros. En Castrolandín (Cuntis) a xente sube con fachos na noite de San Xoán e percorren as murallas. É un rito para protexer as colleitas que están abaixo no val. O castro está a desenvolver un rol nesa comunidade.

O gran problema é que os castros foron illados. Cando se aproba a Lei de Patrimonio Cultural o que se fai é poñer unha malla ou unha capa de protección ao redor deses lugares. Non se lle explica a ninguén sobre o que se protexe e por qué hai que protexelo. Ese descoñecemento xera un cabreo en relación a eses lugares. Creouse un discurso que serviu para illar a xente dese pasado. O último verán estivemos en Mallou facendo escavacións. Escavamos tres casas e unha delas estaba asentada nunha laxe que caía do outeiro. O habitante desa casa fixo un rego para evacuar a auga que baixaba da laxe e que esa auga non caera dentro da casa. Ese detalle que pode parecer insignificante facía alucinar á xente, porque era un elemento que os conectaba con eles, facía que o castro estivera completamente vivo.

Cando se acha un castro novo polo xeral xurde moitísima información tanto sobre o castro como sobre a vida desa xente. Moita desa información logo non se comunica, polo que un castro se ve como un espazo onde hai unhas casas redondas pero descoñeces o que aí acontecía. Vas a Baroña, vas a Borneiro e só ves, non coñeces. Por exemplo non se di que en Borneiro está a sauna castrexa máis occidental que se ten atopado. Falta cariño, falta paixón, falta empatía coa xente que viviu alí. E falta ter moi claro o potencial que eses lugares teñen dentro da historia e da economía de Galicia.

*Herdeiros pola forza, publicado por 2.0 editora no 2012.

** http://castrodemallou.net/

 

No caso do labor ilustrativo, podería explicarnos, a grandes pinceladas, que técnicas empregou para desenvolver as ilustracións de Vento e chuvia?

Manel Cráneo: Este era un proxecto novo e diferente para mín. Todo un reto que me levou a outro reto a maiores: o de procurar unha técnica menos plana de cor da que viña facendo ultimamente cando ilustraba libros, xa que Vento e chuvia non ten nada que ver coa liña de textos que me soen ofrecer para ilustrar.

Traballei un estilo un pouco máis realista e ademais decidín debuxar todo a lapis para manter un aire máis natural. Tiña claro que sería un estilo máis cerca do artesán que do dixital. A cor si é dixital, pero cun tratamento máis achegado ás técnicas tradicionais e cunha intención maior en xerar atmosferas. Fixeime moito en pintores románticos e intentei ser un pouco máis pictórico que noutras ocasións, traballando máis matices nas cores, nas luces e nos claroscuros.

O resultado está ben aínda que creo que a próxima vez que use esta técnica seguro que darei un pasiño máis. Recoñezo que sen ser un gran debuxante co tempo fun convertendo defectos en virtudes e o que máis me interesa é que a ilustración sexa ese medio que preciso para contar historias. Aínda así espero que sigan chegando novos retos coma este para seguir aprendendo e experimentando na parte técnica. De feito cada novo proxecto no que me involucro é unha nova aprendizaxe, non aspiro a estancarme senón a sucar novas augas, a poder ser bañadas en tinta de lura xa que sempre me gustaron as aguadas [risas].

 

presentacionOutro dos aspectos orixinais que rodean o libro é todos eses extras, contidos adicionais accesibles a través da rede, mapas, xeolocalizacións, incluso merchandising

Manuel Gago: Vento e chuvia é unha experiencia física. Interésanme os proxectos nos que podes utilizar diferentes soportes para contar diferentes cousas.

Abofé que estou encantado coa magnífica edición que Xerais fixo de Vento e chuvia, pero este proxecto precisaba de máis cousas. Nese sentido, o merchandising nos permitía afondar en novos elementos; a web me permitiu representar setenta e oito xeolocalizacións e xerar rutas KML para que a xente poida descargalos nos seus dispositivos móbiles. Outro punto moi interesante son o concepto das obras de teatro, Vento e chuvia ten unha obra teatral de catro actores, que este verán se representará en varios castros de Galicia; e logo ten tamén unha obra de teatro en pequeno formato, cunha soa actriz que nos permite construír unha versión de Vento e chuvia para diferentes públicos, onde interactuamos os dous. Eu dou parte da charla e iso da pé a un relato pola parte dela. Iso paréceme fascinante, porque te permite adaptar o libro a diferentes públicos.

 

 

 

 

 Santiago de Compostela. Xuño, 2014

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!