Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Xavier Queipo

Rate this item
(2 votes)

xavier_queipoAutor dunha longa e variada traxectoria literaria, a súa obra abrangue desde a narrativa á poesía pasando polo ensaio ou a literatura infantil e xuvenil. Xavier Queipo, escritor compostelán residente en Bruxelas, mantén desde o seu autoexilio unha fonda e constante ollada para Galicia, como queda demostrado no seu espazo como columnista no Diario Cultural da Radio Galega e nos ensaios literarios no soportal de literatura lg3, claros e clarividentes reflexos da súa afíada e afinada pluma. No seu haber ten os premios García Barros con O paso do noroeste (Sotelo Blanco), Premio da Crítica Española por Ártico e outros mares (Positivas) e o Café Dublín por O ladrón de esperma (Xerais).

Analizamos nesta conversa os seus libros publicados o pasado ano, sen querer perder a magnífica oportunidade que nos brinda a posibilidade de mergullarnos noutros aspectos e cuestións que atinxen á situación do país e da súa literatura onde, como sempre, nos ofrece un punto de vista destro e certeiro.


 

 

 

Fervenzas Literarias: No 2007 saíron tres libros da súa autoría, tres libros totalmente diferentes entre si e escritos ou comezados moito tempo antes.

Xavier Queipo: Moito tempo antes foi Dragona (Xerais), comezado hai máis dunha ducia de anos. O Caderno da revolución cultural (Laiovento) corresponde ás colaboracións de finais do 2005 ata 2006; e Saladina (Galaxia) escrita no 2006 dun tirón.

Que sexan libros moi diferentes é debido a que creo que cada libro ten que ser diferente ao anterior. Un considérase un artista, non un copista. Non teño por qué repetirme sempre. Aínda que teña unhas obsesións ou uns temas máis queridos que outros, como todos temos, teño a obriga de innovar en cada un dos meus rexistros.

 

Como se formula ou que é o que busca cando comeza un novo libro?

Non vou caer na metáfora fácil de dicir que cada libro é como un fillo, que son diferentes e que hai que querelos como son. Se isto fose así tería unha familia clónica.

Eu veño do ámbito científico, onde temos que innovar e renovar as ideas. Por iso, cada libro formúlase como unha innovación dentro da miña produción literaria. Trato de innovar e reflexionar sobre a extensión dos parágrafos, o uso de enumeracións, a utilización dun vocabulario determinado, a pouca incidencia dos diálogos... Procuro non escribir como a xente fala e non escribir as cousas tal e como ocorren dunha forma absolutamente real. Se o que quero é reflectir a vida tal e como é o que debería facer sería gravar á xente como fala e transcribilo logo.

Ademais, os escritores que son biólogos coma min creo que temos unha especial habilidade para a descrición porque é moi necesaria para a nosa profesión.

 

Doce anos na composición de Dragona, foi un parto difícil?

Tampouco é que fora todo ese tempo escribindo Dragona, date conta que nese tempo saíron bastantes libros máis. A primeira versión de Dragona data de hai doce anos, a extensión era moito máis longa e tiña páxinas escritas enteiramente en francés. Cando entreguei esa versión aos editores a súa primeira recomendación foi que iso non se ía vender nin ler. Entre tanto fixen outras cinco ou seis versións.

Parto difícil? Si, porque non ten unha estructura lineal, procurei facer unha collage de distintas partes, non totalmente diacrónicas polo que un tarda moito máis tempo en estar satisfeito do traballo resultante.

Dragona ten moitas lagoas e un procura xogar coa intelixencia do lector, que constrúa o puzzle coas pezas que faltan. Isto non sei se o conseguín, porque as críticas máis ben van polo sentido dun exceso de palabras ou dunha falta de naturalidade das personaxes, por outra banda totalmente xustificado porque a maioría das personaxes, senón todos, son inmigrantes falando unha lingua que non é a súa. En Dragona busco adaptar o arxentino, as linguas orientais... ao galego. O lector, ás veces, pode que se sinta un pouco estrañado polo tipo de diálogo e o vocabulario, pero iso está feito a mantenta e claro, tampouco hai que explicalo todo sempre.

 

Se consideramos Dragona como unha novela de personaxes, estes son dunha gran forza pero de sentimentos e emocións contradictorias. Cómo foi o proceso de creación destes personaxes?

Si, é unha novela de personaxes e está chea de contradicións (xa dicía Cortázar que as contradicións son o motor das nosas vidas). A xente cada vez ten máis incertezas e menos seguridade, e eu reflexo as miñas propias inseguridades nesa media ducia de personaxes que aparecen na novela, cada un deles ten unha parte miña.

Pola miña experiencia de emigrante podo entender as situacións doutro que chega a un lugar que non é o seu, que non coñece a lingua nin a ninguén. Tamén están as causas que levan á xente a emigrar: económicas, política, identidade sexual…. Todo iso se reflicte na estructura e na esencia de cada un dos personaxes de Dragona.

No futuro creo que as identidades estarán menos marcadas, aínda que un teña o sentimento de pertenza quizais maior ao seu lugar de orixe todos iremos comendo e bebendo das tradicións doutros lugares, é a evolución da sociedade.

 

No limiar de Saladina apuntaba que desta vez tiña consciencia de que comezaba un libro. En Dragona era consciente de que remataba xusto aí? Explícome, a trama ben podería empezar moito antes no ciclo vital dos personaxes e rematar máis tarde.

O xeito de comezar a escribir eses dous libros son moi distintas. En Dragona rescatei moitas notas que tiña escritas, basicamente de diarios. Verificando os personaxes, situacións e lugares cheguei a ter textos que son, en certa maneira, atemporais. Tomei fragmentos de vida dunhas persoas e fixen unha collage de fotografías, da vida duns personaxes nun determinado período de tempo. Aínda que é verdade que ben podería ter procurado máis atrás ou máis adiante.

 

Dragona é unha novela cunha forte carga psicolóxica, aínda que botando man dun parágrafo do libro: “Tamén é verdade que a novela psicolóxica, de caracteres e conflitos, non pasaba polos seus mellores momentos”. Presentimento ou derrotismo na preescritura?

Se queres escribir o que esta de moda, podes. Outra cousa é escribir o que queres. Eu preferín non escribir unha obra con frases curtas, parágrafos pequenos ou alternar narradores e introducir cuestións esotéricas, que é a chave do best-seller. Libros con pouco vocabulario, capítulos curtos, alternar accións ao xeito do modelo do cine e sobre todo facerlle crer ao lector que é intelixente, que é xustamente o que se leva agora. Eu procuro non facer trampa algunha, escribo como me sae de dentro.

Sobre á definición como novela psicolóxica é normal, xa que teño unha formación en psicoloxía e psiquiatría por mor dos meus estudos. Considero que os conflitos máis importantes son os conflictos interiores e o tratar de estudialos é para min moi atraente. Ten en conta que os medicamentos máis vendidos son os psicofármacos, iso significa que aquí hai un problema grande. A min interésame ese gran problema actual, outra vez as contradicións.

 

Na novela hai unha presenza constante de sexo e drogas pero contado dun xeito sen mitificar. Por exemplo, practicamente falan de facer o amor, non de foder.

Os personaxes de Dragona falan como falo eu ou os meus amigos. O uso das drogas non é ningún drama e o sexo é unha actividade hixiénica.

As drogas non son un drama porque o fai todo o mundo. Hai unhas drogas que son máis perigosas que outras xa que non están inseridas na nosa cultura, non temos unha experiencia de uso pero hai que aprender a vivir con elas. Da mesma maneira que un cuarto da poboación está vivindo cos antidepresivos tricíclicos hai xente que aprende a vivir con marihuana ou alcol en altas doses.

O tema do sexo é porque eu o considero unha actividade normal entre amigos. Os amigos están para coidarse, da igual a idade ou a opción sexual. É unha actividade totalmente natural e normal.

 

As personaxes procuran rachar con todos os valores, tanto éticos como sociais impostos por unha sociedade relixiosa e patriarcal. Parece que desevolucionan socialmente tal e como coñecemos á Europa do último século, aínda que parece que iso, ás veces, implica un estado de baleiros e un poso de amargura.

Os personaxes non son manifestamente europeos, a cidade non está claramente en Europa (pode estar, pero non é necesariamente unha cidade europea).

Eles chegan a unha sociedade e a uns valores que non son os seus e non os recoñecen. Por outra parte, nas sociedades occidentais –aquí si falamos abertamente dunha sociedade occidental- onde se sitúa esta novela existe un sistema de valores “tradicionais”, baseados na relixión, no medo, na culpa... que está en declíneo. Entre iso, e que os personaxes veñen de ámbitos e de culturas e valores distintos leva a que actúen dunha maneira anárquica, pero en realidade é unha maneira natural, seguindo os seus instintos. Non o fan dun xeito consciente senón que van construíndo o seu código ético despois de vivir nunha sociedade cun código ético moi ríxido como é a nosa ou a sociedade occidental en xeral, que ben pode ser pola presión relixiosa ou política, pero que non ten por qué ser o ideal. Por iso, cando os personaxes evolucionan van decriptando o seu propio xogo, coma nenos que inventasen unha linguaxe propia.

Ao final cadaquén ten o seu aínda que pareza que non, ou o tes en positivo ou en negativo.

 

Se antes falábamos das orixes de Dragona, como surxe Saladina?

Saladina nace despois de asistir á exposición que houbo en Santiago sobre o cincuenta aniversario da publicación de  Merlín e familia. O día  que me sentei e comecei a escribir, sabía perfectamente que ía tratar sobre aqueles relatos. Tiña unha lista de historias máis longa da que aparece no libro.

Sobre Saladina os críticos apuntaron que está demasiada partida ou fragmentada ou que non se remata cunha historia e xa se comeza outra, pero hai que darse conta que o narrador é un personaxe cunha idade moi avanzada, no libro fálase moitas veces da súa enfermidade e ata é probable que teña problemas de senilidade. Este tipo de cortar as historias, ás veces por grupos pequenos, non é nada novo, no Conde Lucanor aparece e serve para manter a tensión dun día para outro.

 

No limiar de Saladina fai referencia ao Sinbad de Cunqueiro e o libro remata co conto inconcluso da historia das illas Cotovías, como referencia á obra cunqueriana. Qué atopamos de Cunqueiro no seu libro?

O que se atopa é a vontade de fabular que tiña Cunqueiro. As historias poden estar mellor ou peor contadas, que iso é cuestión de gustos e non de intención, mais cada unha delas é unha historia fantasiosa. A min o que me atraeu de Cunqueiro foi a súa capacidade inmensa de fabular; non quixen copialo, sómente quixen facer unha homenaxe a esa fantasía desbordante. Eu, o desgusto que tiven co libro foi que os editores o publicaran nunha colección xuvenil. Non creo nesa categoría, como non creo en moitas outras. Mesmo así, eles teñen as súas coleccións, o seu mundo ordenadiño por categorías e non vou ser eu que faga mudar ese sistema.

 

Usa esa fantasía como vía de escape?

Eu viña de escribir outros libros e precisaba, como terapia individual, escribir un libro fantástico como Saladina. Os autores utilizamos a escrita cada un dunha maneira distinta. Eu utilízoa coma psicanálise permanente, axúdame a espantar os meus problemas. Como evasión? Non creo que se poida falar de evasión cando un pasa horas e horas de traballo. Por unha parte é evasión pero por outra parte é concentración nunha serie de problemas que son e non son os propios. Problemas só hai un par deles, a morte e a definición do noso lugar no mundo. A morte é un referente temporal, sempre presente e o lugar no mundo é a conciencia da existencia dunhas coordenadas propias e dunha causalidade. O demais é música. Nese senso, o da música, si que se pode entender como evasión.

 

Cómo se pasa de escribir un libro complexo e por veces barroco como foi Dragona a un libro que é un exercicio total de fantasía como Saladina, afastado do realismo cru da outra novela.

As veces o máis complicado é escribir da maneira máis simple. Son dúas capacidades distintas: unha é a de análise ou estructura e outra é a capacidade de síntese, onde un intenta escribir cunha economía de medios na cal un non está habituado. Para min foi máis complicado escribir Saladina que Dragona, e porén menos doado quedar contento co resultado.

Ti podes escribir por comprensión, onde defines todos os elementos dun grupo como un conxunto ou ir definindo un a un. A complicación depende da práctica de cada un. Eu teño a práctica de escribir con parágrafos grandes e en Saladina apetecíame crear un texto con outro tipo de estructura. A capacidade de escribir sinteticamente e con economía de recursos é unha cousa que se adquire co paso do tempo (ben, hai xente que o ten de natural) pero non é o máis doado de escribir. Unha vez que estás acostumado a escribir dunha maneira, o teu instinto é continuar escribindo dese xeito e non pasarte a facer estructuras simples, frases curtas,… É unha guerra interior maior a simplificación que a complicación, e para min máis xa que o meu tipo de literatura é de parágrafos máis elaborados.

 

Estudiou a narrativa tradicional galega para confeccionar os relatos deste volume?

Eu non parei de estudar nunca na vida. Non veño do mundo das letras e non utilizo os métodos de análise, os comentarios de texto... que poidan utilizar outros colegas. En realidade non estudiei a narrativa tradicional, aínda que de sempre lin a Ánxel Fole, que pode ser quen máis conte historias dunha maneira máis tradicional, digamos (aínda que non me guste o adxectivo) enxebre. Poderíamos identificalo como un contacontos. As miñas primeiras lecturas en galego logo de Rosalía foron Merlín e Familia e Á lus do candil. O que é estudiala non, mais todo o que un le vai deixando un pouso, consciente ou inconsciente.

 

En parte Saladina é como manual para contar historias.

Eu teño unha carencia afectiva ben grande, ou cando menos sentida como carencia, e é que non teño fillos. Xa de pequeno cando me preguntaban se quería ter fillos eu dicía que non, que eu o que quería era ter netos, quería telos para lles poder contar historias para cando estivera na idade de retiro. Isto ven quizais porque eu nunca tiven avós, avós que te conten historias e por iso idealizo esa necesidade de contar como non me contaron os meus avós a mín. Por sorte agora podo gozar da compaña dos fillos dos amigos e cóntolles a eles esas historias destinadas aos netos.

 

O mar é parte indivisible das historias de Saladina. O mar sempre presente na súa vida e obra. Qué é para vostede o mar?

O mar foi a primeira experiencia importante da miña vida adulta. Pasei practicamente dous anos da miña vida, con breves intermitencias, no mar, onde puiden vivir moitas experiencias*. Desa estancia no mar durante longos períodos de ata seis meses sentín, como dicía o escritor portugués Virxilio Ferreira, que desde o meu mundo sempre se ve o mar, estea onde estea, en calquera momento e en calquera circunstancia da vida.

Eu creo que a terra é o que o mar non quere, o planeta é mar, e a terra é o que está desterrado.

 

*Algunhas delas recollidas en Onde o mundo se chama Terranova, publicado polo Museo do Mar de Vigo. (Nota do transcritor.)

 

En Caderno da revolución cultural (Laiovento) e no Diario Cultural da Radio Galega fai anotacións polo miúdo do que ocorre en Galicia. Como se ve o país desde Bruxelas?

O interesante de ver o país desde fora é que se ten un punto de vista excéntrico, excéntrico entendido non como outra cousa que como fóra do centro. O noso país vese como moi pechado en si mesmo, moi preocupado por pequenos problemas cando en realidade Galiza debería abrirse máis ao mundo. Moitas veces, cando fago referencia a Galiza, digo que é un país pequeno, pero pequeno en todo, pequeno ata ser ruín no seu comportamento. Falo coma case sempre do goberno, é ruín que haxa un par de partidos que chegan ao poder tras desbancar a un réxime anterior que durou moitos anos e que ligou o franquismo co UCD, e UCD co PP, que básicamente era o mesmo tipo de réxime. Digo que é moi ruín que eses dous partidos de cando en vez non se entendan e non estean preparados para resolver e superar as súas diferenzas para adoptar unha táctica común para modernizar o país. Mellorar o país non é mirarse sempre o embigo senón que é formar mellor á xente, explotar a vantaxe de ter unha lingua como é o galego, proxectarnos ao mundo dunha maneira maior de como o facemos agora, que é a través da lusofonía e vantaxe tamén de estar formados noutra lingua que é o castelán que abre outra morea de portas polo mundo adiante. Agora parece ser que se sentaron a falar dunha nova gramática as partes portuguesa e brasileira, e cando iso se leve a efecto creo que nós deberíamos indagar nunha aproximación a unha gramática e unha estructura, para poder integrarnos nese sistema, abrirnos á lusofonía sen saír da nosa esencia de lingua diferenciada e de país independente.

 

No Caderno da revolución cultural fálase de literatura, cine, do barrio onde vive... Os temas sobre os que falar surxe de obsesións individuais ou das dúbidas colectivas da sociedade?

Cando a un articulista lle encargan unha columna os temas que reflicte son os temas que lle preocupan en cada momento, moitas veces ligados á cotianidade do país ou, neste caso, a cotianidade da cultura vista desde Bruxelas. Eu falo de temas que considero que están de actualidade como calquera outro articulista. Con todo, a vantaxe de falar de cultura –de cinema, de libros, de exposicións e de actitudes da tribo- é fuxir do economicismo abafante, da política no peor sentido que é o da non construción senón o da confusión e o ruído mediático. En resumo, falo de preocupacións individuais e de obsesións colectivas.

 

Baixo un discurso combativo e esixente hai un pouso de escepticismo, chegando ás veces á resignación, como se de agardar por Godot se tratase. Ve a necesidade dunha revolución cultural como algo utópico?

Non son o único que leva anos á espera de Godot. Case chega, mais Xosé Manuel Beiras non chegou a presidente da nación galega e iso foi mágoa, pois tiña vontade e carácter para mudar actitudes e inercias do país. Mais foron varias circunstancias as que se aliñaron contra do seu ascenso e moito temo que tarde en aparecer un personaxe desa altura ética e política. Mágoa, pois o país precisa dunha ilusión colectiva, dun chimpo adiante, dunha Revolución Cultural e iso é un espellismo que cada día que pasa se vai afastando.

 

Creo que un dos méritos do Caderno da revolución cultural é que o lector, estea de acordo ou non coas súas apreciacións e opinións é que lle crea unhas dúbidas ou consegue que se considere esas cuestións, que pense...

Mentiría se dixese que non me preocupa ter a razón. A procuro, mais ás veces son consciente- outras nin tento- de que metín o cazo ou de que hai outra explicación para algúns feitos, e o que para min é perplexidade, para outros é normalidade. Outra vez a cuestión das coordenadas. Axitar consciencias, crear opinión non consiste en ter a razón ou non, senón en que se fale disto ou daquelo, en conseguir que xente que discrepa por principio ou por consigna, se deteña a pensar ou interveña no debate.

 

Lanzou moitos dardos contra a administración competente en cultura. Cómo resumiría estes tres anos de goberno en materia de cultura?

Lancei dardos de puro amor. Se hai alguén que está interesado na dignificación da cultura galega somos os seus actores, como ben poderás entender. Mais non a calquera prezo: non ao prezo do populismo, non ao prezo de engulir a herdanza esmagadora da Cidade da Cultura, non ao prezo de mudar unhas listas negras por outras, non ao prezo da centralización, non do esquecemento ou da inxustiza. Non ao prezo dos lugares comúns e do enxebrismo nin ao de ollar cunha mente cartesiana e non flexíbel. Coido que o fixen con intensidade cando tiña que ser, que era ao inicio da lexislatura, cando se definen políticas e cando hai que dar sinais de que algo vai mudar ou non. Equivoqueime sen dúbida nalgunhas ocasións, mais nunca agochei a man que tiraba a pedra e procurei ser coherente cunha serie de principios éticos. A presión diminuíu logo, como debe ser, pois unha cousa e dar caña aos afíns e outra dar bazas aos seus inimigos, que non precisan de axuda para ser ruíns, e feridos e duros. Non é que queira deixar sen respostar á túa pregunta, mais o resumo non é doado de facer. Deixa que utilice un par de termos as que lle teño moita lei: entropía e incerteza. Sendo xustos, hai que dicir que logo de tantos anos dun goberno “á contracultura”, modificar esas inercias non era doado. Os resultados estanse comezando a ver, mais coido que non temos que ser nin triunfalistas nin o contrario. Hai unha especie de consenso verbo da necesidade de gozar de dúas lexislaturas para levar adiante un programa. Esperemos que exista esa oportunidade, pois abríronse vías que estou certo darían o seu resultado co tempo.

 

Haberá unha segunda parte do Caderno da revolución cultural?

Non hai que baixar a garda. Iso nunca. Se cadra os que me escoitan nas crónicas da radio, déronse de conta que baixara o ton de belixerancia, mais iso non significa outra cousa que iso. Son dos que consideran a necesidade dunha revolución permanente, filosofía que intento practicar comezando por min propio. Se vai ser un libro ou non, pois vai depender da vontade dos editores e do interese que exista en ler estas miñas reflexións. En breve, son moderadamente optimista.

 

En Bruxelas mantén unha intensa actividade cultural: é un dos poetas oficiais da cidade, participou na redacción da Constitución Europea en verso, actividades en Passaporta (Casa Internacional da Literatura en Bruxelas) e na Asociación Couto Mixto.

Nunha capital cosmopolita como esta na que vivo, abundan os estímulos culturais e iso estimula ou abafa, segundo a personalidade de cada quen. Tiven a sorte que me escolleran como un dos catro poetas de Bruxelas por un período de dous anos. É un costume moi anglosaxón, que aquí importou de Holanda a comunidade flamenga. Noutras cidades como Brugges ou Antwerpen tamén os hai, máis en cada unha desas cidades hai un só que muda cada tanto. O carácter cosmopolita de Bruxelas foi o que fixo que se escolleran a catro, Geert Van Istendael (flamengo), Laurence Veille (valona), Abdeslam El-Manzha (marroquí) e mais eu, que falo galego, unha lingua de minorías. Nós demos os primeiros pasos para a elaboración dunha Constitución dos poetas (máis que unha constitución en verso rimado e ripioso). Os recitais facémolos en Passaporta, que é unha especie de casa das culturas pois nela teñen cabida as máis variadas manifestacións literarias e artísticas.

No que dí ao Couto Mixto, trátase dunha asociación cultural onde un grupo de galegos residentes en Bruxelas, damos saída as nosas inquedanzas culturais e ao mesmo tempo actuamos como difusores da cultura galega no exterior, tratando de mostrar parte do que se fai na Galiza de hoxe, lonxe dunha aproximación puramente folclórica. Contamos coa axuda desinteresada da “livraría galego-portuguesa Orfeu” ( a nosa “conexión lusa”) , onde se desenvolven a meirande parte dos nosos actos culturais.

 

Na súa escrita hai unha mestura entre a literatura máis clásica coa máis moderna, ás veces chegando á experimentación, á busca de novos rexistros... Cara onde vai a súa escrita? Que lle falta por escribir?

Se tivese unha finalidade, se quixera chegar a algures, daquela deixaría de escribir. Por outra banda, se non tivese unha idea do que quero, deixaría tamén de escribir. Abro camiño, regreso sobre os meus pasos, vivo no centro dun labirinto. O día que atope a saída, acabouse o conto. Interésanme os novos rexistros, máis a experimentación pola experimentación tampouco enche as miñas expectativas.

 

Que é o que lle falta á literatura galega para dar un verdadeiro salto a outras linguas? Vostede, por exemplo, está na axencia literaria de Antonia Kerrigan, a AELG ten en proxecto que un axente se encargue da representación de autores galegos. Pode ser isto unha solución para a exportación e a visibilidade do libro galego?

O proxecto da AELG paréceme interesante no que ten de presentar aos escritores galegos no exterior do país. Dalgún xeito dar conta de que existimos e de que como dicía Xosé Luís Méndez Ferrín vivimos a nosa idade de ouro. Eu iría máis lonxe aínda dicindo que viviumos a primeira vaga dunha idade de ouro, que coido está aínda por chegar. Estaremos nunha idade de ouro cando a nosa labor individual e colectiva sexa recoñecida dentro e fóra do país (máis primeiro dentro). Eu teño unha fe inmensa nas novas xeracións que xa foron educadas en galego e que, sen dúbida, terán de producir unha variedade de rexistros que van facer mudar a percepción que da nosa literatura se ten no exterior.

 

Pode explicarnos como é iso do método científico hipotético deductivo aplicado á literatura? Na súa obra hai referencias continuas ao mundo científico, de feito tamén ten publicado ensaio científico-literio. Cre que existen diferencias entre escritores de letras e de ciencias?

A ciencia é parte da miña vida. Por temporadas leo máis ciencia que literatura e por certo máis revistas científicas que revistas literarias. En canto ao método é totalmente diferente do das chamadas ciencias sociais e do das letras. Iso non me dá necesariamente un carimbo de autenticidade, nin tan sequera de diferenza. Impregna toda a miña escrita, pois forma parte do meu xeito de vivir e de observar o mundo. Son consciente de que ás veces pode significar unha dificultade adicional para o lector. Mais que quere que lle diga, hai autores que non representan retos para o lector e outros si, son lexión os que repiten fórmulas para agradar ou os que como francotiradores concentran as súas forzas na ollada amábel, mentres outros escollen terreos ou temas menos, direi, agradecidos. Nada que obxectar, cadaquén co seu discurso. O arte está para iso, para que haxa correntes e tendencias, individualidades e matices.

 

Estivo fai pouco tempo en Galicia acompañando ao escritor belga Jean-Philippe Toussaint na presentación de Fuxir (Galaxia). Qué outros escritores belgas sería interesante traducir?

Ademáis de Jean-Philippe Toussaint e Amelie Nothomb, que xa está traducida, Hugo Claus, Yves Petry, Xavier Deutsch, Lilianne Wouters, Geert Van Istendael, David Van Reybrouck, Paul Bogaert... a lista sería longa. Xa veremos no futuro se alguén se anima.

Xa para rematar, creo que temos a común afición pola gastronomía, que ten un tratamento e unha presenza moi especial nas súas obras...

O home é un animal omnívoro e sempre me interesou experimentar con sabores e texturas novas. Se cadra porque o meu pai era moi clásico niso. De aí xurdiu o interese, como tantas veces, da rebelión. Ademais, cociñar, sempre que non sexa por obriga -importante matiz- é unha actividade lúdica e relaxante. E se te gaban a comida, daquela o esforzo ben valeu a pena. Constitúe unha das coordenadas sensoriais do ser humano, onde se amalgaman varios sentidos. Para min a cociña é un bálsamo e representa asemade a posibilidade de facer alquimia básica, o que me agrada desde neno.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!