Print this page

Conversamos con... Moisés Barcia

Rate this item
(2 votes)

moises_barciaRinoceronte Editora é unha das apostas máis arriscada e interesante do panorama editorial galego actual. Detrás deste proxecto atopamos a Moisés Barcia e a Penélope Pedreira, dous tradutores que deron o salto ó mundo da edición na busca de grandes obras da literatura estranxeira para traducilas a nosa lingua. Moisés Barcia ten no seu haber a tradución de grandes clásicos da literatura como O Señor dos Aneis, O Decamerón ou Oliver Twist. Como crítico literario coordinou a extinta Guía dos libros novos e o Cartafol de Libros.


 

 


 

Fervenzas Literarias: Tradutor, crítico, editor. ¿É necesario estar en tantas frontes para vivir do libro en Galicia?.

Moisés Barcia: Non estou simultaneamente en todas elas. De feito, cando me metín na edición, deixei a crítica porque penso que non se pode ser xuíz e parte. A tradución e a edición si que ten relación, porque o que fai Rinoceronte son esas dúas cousas, que van moi pegadas.

¿Aínda traduces para outras editoriais?

Non, todo o que saíu agora doutras editoriais foi traducido antes de que existise Rinoceronte. Algunhas cousas saíron despois, porque estaban comprometidas de antes. Agora só traduzo para Rinoceronte.

Rinoceronte Editora surxe no panorama literario como unha canle da literatura foránea cara o galego. Ides cumprir tres anos no mercado, ¿Cumpristes as expectativas marcadas naqueles comezos do 2005?

As expectativas eran modestas e partindo desa base si que podemos dicir que se cumpriron. O que si é verdade é que constatamos unha boa acollida entre os medios, unha boa valoración da editora, pero por parte do público a resposta é aínda moi modesta. Isto é unha constante na edición en galego, lese moi pouco, cómpranse moi poucos libros. Os axentes que crean opinión, que falan da realidade cultural non reproducen moitas veces o sentir do público lector, que é moi escaso.

 

Agora comezastes cunha nova colección de libros de poesía, un xénero que a dicir verdade non é unha aposta comercial. ¿Podemos falar dun acto de rebeldía  ou dun gran risco editorial?.

O risco xa foi traducir narrativa nun mercado onde a xente está acostumada a ler literatura estranxeira en castelán, e editar poesía foi unha aposta aínda máis arriscada, pero apetecíanos probar ese campo, onde cremos que hai obras interesantes de autores que aínda non estaban traducidos ó galego, como é o caso de Kavafis ou Akhmátova, que son os nosos dous primeiros autores. As posibles perdas que poidan dar xa as compensaremos cos beneficios das vendas de narrativa.

Darío Xohán Cabana comenta que cando traduce bota un pulso co autor, unha loita corpo a corpo. Cando traduciches ‘O Decamerón’, ¿Como foi ese enfrontamento cun libro, unha historia e a un idioma do século XV italiano?.

A min cónstame que hai autores que botan ese pulso, que tratan de domar ou de poñer moito de si á hora de traducir. Eu teño a miña propia teoría tradutolóxica ó respecto: pode haber casos, linguas, xéneros... que sexan difíciles de traducir á nosa lingua, pero desde ás linguas europeas non é unha cousa tan ardua. No caso d’O Decamerón hai literatura galega da época, da que tratei de empaparme. Atopei moitas cousas do italiano da época que non hai no galego contemporáneo pero que si había no galego medieval.

Ademais, considero fundamental apoiarse nas traducións feitas noutras linguas máis próximas. En xeral, eu vexo á tradución coma unha cousa máis pacífica e máis técnica. Na miña opinión o tradutor debe quedar supeditado ó autor e permanecer invisible.

¿Canto tempo tardaches en traducir esa obra?

Pois foron dous anos de traballo. Son cousas que se fan na inconsciencia da xuventude. Precisamente daquela xuntáronseme dous traballos moi longos [pola tradución ó galego d’O Señor dos aneis], e resultou bastante esgotador.

As obras editadas por Rinoceronte están moi seleccionadas. ¿Qué criterios estades a seguir na elección dos libros que logo publicades?.

Hai unha dobre vertente: buscamos obras de autores coñecidos e consagrados, como Julian Barnes, Alessandro Baricco ou Michel Houellebecq... Tampouco tratamos de publicar á última obra dun autor, que non ten por qué ser a mellor. Buscamos unha obra que sexa interesante traducir, aínda que estea publicada hai dez anos. Nós probamos a traducir á última de Julian Barnes [Arthur e George] e non nos convenceu moito o resultado.

Por outra banda collemos autores que son pouco coñecidos pola maioría dos lectores, como os casos de Paasilinna ou Hrabal, e apostamos por eles, incluso sendo a primeira vez que se traducen ó galego.

Traballar exclusivamente con autores estranxeiros pode dar multitude de problemas: xestión de dereitos de autor, distancia xeográfica, moitos tradutores viven fora... Así, tiverades dificultades para sacar A casa das belas adormentadas de Kawabata e A casa de Mango Street de Sandra Cisneros. ¿Cales son realmente os maiores problemas que estades atopar na configuración do voso catálogo?

O maior problema que estamos atopando é cos tradutores, xa que en moitos casos é a primeira vez que se traduce desde unha lingua determinada. Tivemos nós que buscar unha persoa que coñecese esa lingua, animala, ser os pioneiros nesa lingua.

Outras veces temos desencontros ou diversidade de opinión con tradutores que xa teñen experiencia, pero que non traducen da forma que nós establecemos en Rinoceronte. O labor do editor en Rinoceronte é moi intenso; a misión que pedimos ó tradutor é un traballo técnico que se someta sempre ó autor, e queremos ademais que todas as nosas traducións teñan un tratamento homoxéneo. E todo isto ás veces produce tensións cos tradutores.

¿Custa o mesmo os dereitos de autor no mercado galego que no castelán?

En xeral os axentes o que fan é calcular o número de libros que se poden vender e piden unha cantidade en consecuencia. No caso do español o mercado é enorme, mentres que no galego é ó contrario. Por ese lado xa podes negociar con certa vantaxe: ese libro xa saíu en castelán, vendeuse en Galicia e agora vólvese vender en galego.

¿Son moi duros os axentes literarios?

Hai de todo, pero en xeral é unha acción puramente mercantil. As cuestións románticas da literatura, de difusión da obra... quedan nun segundo plano.

Tendes traducidas obras de linguas tan diversas e tan lonxe do galego como son o checo, húngaro, finés, hebreo... Évos doado atopar traductores nestas linguas?

Non, é complicadísimo. Pódoche dicir que o primeiro libro do que tiñamos os dereitos apalabrados nunha axencia inglesa era A casa das belas adormentadas. Ese libro estivo practicamente un ano parado porque non atopamos tradutor do xaponés ó galego. Os axentes incluso nos recomendaron traducilo do castelán ou do inglés, pero iso non entraba na nosa política e a cousa quedou aí. Buscamos activamente un tradutor ou tradutora do xaponés ó galego e non atopamos, propuxémosllo a moita xente pero ninguén aceptou, ata que atopamos a nosa tradutora actual Mona Imai. Ela nunca traducira e foi un traballo moi laborioso, arduo.

Na traducción de Tolkien que fixeches foron traducidos algúns nomes propios e lugares. Como traductor... ¿é mellor está opción ou respetar o orixinal e poñer anotacións a pé de páxina cos apuntes oportunos?.

Non hai unha regra universal. No caso de Tolkien ás primeiras versións que se fixeron na maioría das linguas non se traduciu como Hobbit, en portugués traduciuse como Gnomo, en sueco tamén con outra palabra que era algo parecido. O que se buscaba era obter un termo comprensible para hobbit, que foi unha palabra que inventou Tolkien. Cos anos e conforme Tolkien foi sendo máis famoso xa todo o mundo sabía o que era un Hobbit e todos eses trasnos, gnomos, etc. pasaron a ser hobbits.

No caso da miña tradución, Tolkien xogaba con distintos planos lingüísticos: a lingua dos homes, que se correspondía co inglés, a dos trasnos, a dos ananos, elfos,... Nalgúns casos pareceume que en inglés tiñan algún significado e pensei que en galego poderíase manter, foi unha cousa bastante difícil e laboriosa, xa que tiven que facer un glosario con cincocentas entradas para saber, cando Tolkien dicía algo, o que tiña que poñer.

Non hai unha fórmula universal, tes que ver que a túa proposta encaixe na tradución, e se non encaixa, buscar outra cousa que encaixe, hai que se adaptar ó momento.

Fai uns días celebrouse o Día Internacional da Tradución. Na vosa web resaltades que remunerades ós tradutores segundo a tarifa proposta na Asociación de Tradutores Galegos. ¿Isto é sempre así no mercado editorial galego?.

Eu son tradutor, traballei para outras editoriais e non é así. De feito, a min nunca me pagaron esa tarifa, e teño unhas cantas obras traducidas. Por iso, unha das cousas nas que pensei á hora de montar unha editorial dedicada á tradución era que o mínimo que hai que remunerar son esas cantidades.

Hai que ter tamén en conta todas as dificultades económicas inherentes ó feito de publicar traducións en galego. En galego véndese moi poucos libros, véndense menos traducións aínda, e os custos son elevadísimos. Comprendo que para un editor pode ser arriscado sacar traducións e pagarlle consecuentemente esas tarifas ós tradutores, pero paréceme que tamén hai solucións; no noso caso o que facemos cando a tradución nos parece arriscada (cando custa moito e cremos que é difícil recuperar os cartos) é vincular a remuneracións ás ganancias. Pagamos un mínimo, e o resto derivado dos beneficios que xere o libro.

Fai pouco tempo a Consellería de Cultura aprobou subvencións para traducir ó galego obras noutros idiomas e viceversa, desde o galego a outras linguas. Hai moitas subvencións para a producción editorial, pero case inexistentes para a divulgación e a promoción do libro. Loxicamente o cidadán de a pé non se vai queixar de que o libro non se promocione, porque nas librarías ten oferta dabondo. ¿Cómo ves esta realidade?. Porque supoño que para calquera editor non é agradable ver que os seus libros non acaden as ventas previstas ou sexan devoltos.

A min as axudas á tradución parécenme estupendas. Sobre o que se falou estes días de xente que estaba a favor de recibir axudas do cen por cen dos custos da tradución e xente que estaba en contra, non me gusta a idea de que se pague o cen por cen. Noutros países pequenos ou de culturas minoritarias pagan o total porque lles interesa que a súa cultura se coñeza. Pero persoalmente prefiro que custe algo.

Coa difusión dos libros, o grandísimo problema está en que o libro galego é invisible. Se vas a unha libraría, enténdese que o libro por antonomasia é en castelán, e o libro galego está nunha esquiniña. Tamén é certo que se o libreiro sabe que dun libro en castelán vai vender vinte exemplares nunha semana o lóxico é que o poña nun lugar visible. Un libro en galego que vai vender un exemplar vaino deixa apartado, é un círculo vicioso: o libreiro non lle dá un lugar especial ó libro galego porque non se vende e o libro galego non se vende porque non está visible.

A cultura e o libro galego están bastante presentes nos medios de comunicación, na internet..., pero a efectos reais non ten unha equivalencia na poboación consumidora de cultura en Galicia. Os consumidores de cultura en galego poden ser un 20% do total de consumidores de cultura en Galicia.

Rinoceronte publica exclusivamente traducción, aínda que recentemente apostatedes pola creación en galego baixo o selo Morgante. ¿Os dominios de Gólgur foi algo anecdótico ou ides seguir nesa liña de traballo?.

Morgante é un selo á parte, non é Rinoceronte aínda que detrás esteamos a mesma xente. Son moitas as cousas que nos chegan de creación, que non teñen cabida en Rinoceronte, e parécenos interesante sacar algunha cousa de cando en vez.

Os dominios de Golgur non é algo anecdótico, pero Morgante tampouco é unha cousa á que lle deamos prioridade. Sacaremos cousas cando nos chegue algo interesante, e a periodicidade será a que nós marquemos.

Rinoceronte apostou desde o comezo por unha coidada selección dos libros que edita, ás veces arriscando por obras e autores nalgúns casos descoñecidos, pero primando a calidade literaria. Como crítico e como editor, ¿Hai que se defender da literatura de grandes masas, dos best-sellers?

Hai sitio para todo, todo ten o seu momento. Os best-seller teñen a súa función e o seu interese para quen lles guste. O tempo porá cada cousa no seu lugar. Eu non creo que sexa prexudicial un libro. A xente cómprao... leo... Xente que leu Harry Potter e viu que foi capaz de ler un libro de seiscentas ou setecentas páxinas ó mellor anímase a ler outros de duascentas ou trescentas.

Creo que dixestes que algunhas editoriais vetaban ao Cartafol de Libros de Vieiros o envío das súas novidades. ¿Como é en Galicia a relación entre críticos literarios e editoriais?

Si, eso é certo. Cando eu estaba coordinando o Cartafol de Libros había algunhas editoriais que non nos mandaban as súas novidades porque consideraban que non se trataba ben os seus libros. A min paréceme que é unha política errada. Podes considerar que unha crítica é inxusta, pero se queremos que a crítica sexa independente, que mellore, o que non se pode facer é poñerlle máis trabas. Cantas máis facilidades teñan para realizar o seu traballo –que a maioría das veces fan de xeito gratuíto ou case gratuíto e que require moito esforzo e vontade–, mellor lle irá ó sistema. Cada crítico é un lector e cada lector é un mundo.

Supoño que cando se fai crítica inténtase ser o máis obxectivo posible pero ¿nalgún momento se pensa que o que se escribe pode axudar ou afundir un libro?

A función da crítica que eu facía era informar ao lector, dicir se o libro era interesante ou non. Por outra banda, o alcance da crítica é bastante limitado. Nin unha crítica positiva podería facer dun mal libro un best-seller, nin unha negativa afundir unha obra de calidade.

Non sei se coñeces as cifras sobre que se vende máis dun mesmo libro en Galicia: se a traducción en galego ou en castelán.

Sen ter datos na man estou segurísimo de que se vende moitísimo máis en castelán que en galego. Un exemplo: Arthur e George de Julian Barnes nós sacámolo meses antes cá edición en castelán e practicamente non se vendeu nada, veu de volta. A xente pensou que era un libro menor de Barnes. Cando saíu en castelán meses despois, volvémolo lanzar e entón si se vendeu, pero nin de lonxe coas cifras da edición en castelán.

¿Qué obra lle gustaría ver traducida en Rinoceronte?

Hai moitas, pero se teño que escoller unha A insoportable levidade do ser de Milan Kundera.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati