Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Conversamos con... Francisco Castro

Rate this item
(3 votes)

Francisco_CastroFrancisco Castro é un dos escritores máis orixinais e premiados das nosas letras. Dono dunha narrativa dotada dun carácter rupturista, na súa escrita atopamos ironía e crítica social a partes iguais, unha crítica coa que se mergulle co lector na busca da reflexión, de acadar unha resposta.

Francisco Castro ven de publicar recentemente na editorial Galaxia As palabras da néboa (Premio García Barros 2007) e en Xerais O ceo dos afogados (Finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Narrativa Xuvenil).






 

Fervenzas Literarias: Xa está nas librarías As palabras da néboa (Galaxia), a obra coa que gañou o Premio Manuel García Barros de Novela. ¿Qué novidades vanse encontrar os lectores que seguen a súa obra nesta nova achega?.

Francisco Castro: Sobre todo unha novidade temática. A última novela de adultos que publiquei transcorre no ciberespacio e aquí nos vamos a un mundo medieval do século XVI moi afastado do mundo de Spam (Galaxia).

A temática vai ser parecida á que aparece noutras novelas, que é o intento de novelar unha realidade pero ó mesmo tempo expoñerlle ó lector un pouco de crítica social, xa que son personaxes que se levan moi mal co poder, sobre todo coa xustiza. É unha novela de máis de trescentas páxinas escrita en parágrafos moi longos.

 

Desde Xeración perdida (Galaxia) segue unha liña cronolóxica nas súas novelas. ¿Por qué retroceder ata a Galicia do século XVI n’As palabras da néboa?

Non é intencional. Son as historias as que nos atrapan aos escritores nun determinado momento. Cando naceu As palabras da néboa eu estaba lendo moito sobre meigas, bruxas, sobre a Inquisición... son temas que me fascinan e vistos desde un punto de vista literario son moi interesantes.

E lendo sobre meigas para un relato curto apareceume a personaxe feminina d’As Palabras da Néboa. A partir de aí foi cando comecei a vivir nun mundo paralelo con ela e foron saíndo os demais personaxes que conforman esa novela.

 

¿Cómo foi o traballo de documentación para este libro?

De todos os libros que escribín foi o máis duro. Para Xeración Perdida botei man da miña memoria; Spam é consecuencia de que sempre estiven moi metido en todo este mundo das novas tecnoloxías. De feito, ao mesmo tempo que naceu o blog [A canción do náufrago] naceu Spam.

N’As palabras da néboa si que foi necesario documentarse moi ben. Tiven que saber como eran os barcos do século XVI, como era o mundo rural galego, como eran os castelos medievais, como se comía e durmía daquela… foi un traballo de lectura e documentación realmente moi duro.

 

Seguindo co tema da novela histórica, levamos uns anos cunha gran cantidade de novelas deste xénero nas librarías. ¿É tan pouco motivadora ou tan pouco dada á inspiración esta época que nos tocou vivir?.

Que va, para nada! Todas as épocas dan para boas historias, o de menos é onde sitúes a historia. Non creo que sexa tanto de épocas senón de temáticas. As palabras da néboa é unha novela que sirve para a reflexión no século XXI. Dous dos personaxes principais da novela vanse enfrontar ao poder, a loitar contra a inxustiza, van reivindicar o seu dereito á utopía. Iso é un discurso totalmente válido para o século XXI.

 

En O ceo dos afogados (Xerais) é a natureza quen fai un berro desesperado ó home, ese berro que chama á dignidade da recuperación ecolóxica. Fai uns días celebrouse o aniversario do tráxico afundimento do Prestige. ¿Qué lle motivou a escribir un libro que pide a convivencia harmónica do home co medio que lle rodea?.

Unha motivación ética. Cando escribo para rapaces, unha das cousas que teño claro é que ten que haber unha mensaxe moi clara. Pero, de tódolos xeitos, O ceo dos afogados naceu -máis que ser un alegado a favor da natureza- no meu interese polo personaxe de Jonathan. Eu quería escribir un libro onde un rapaz vivira unha odisea, que tivera que se enfrontar a un problema que lle superaba totalmente e saíra del con éxito. Foi Jonathan, máis que a temática, quen apareceu de primeiras.

 

A Jonathan, o rapaz protagonista de O ceo dos afogados, lle é máis doado comunicarse cos animais que coas persoas. ¿Poderíamos atopar aquí unha crítica a ese baleiro de comunicación existente entre a adolescencia e o mundo adulto?

Absolutamente. Jonathan é un adolescente levado ó extremo. Antes falábamos sobre a documentación e neste libro, máis que me informar sobre este tipo de síndromes (autismo, Asperger), lin especialmente sobre o que hai na cabeza dos pais e das nais. Como se enfrontan eles ós síndromes dos seus fillos.

Dise que un dos problemas dos adolescentes é que poden comunicarse con calquera menos cos pais. E isto é o que lle ocorre a Jonathan, pode comunicarse cos animais pero non co seu pai, aínda que o desexa. Hai un momento no libro no que intento reproducir iso, onde a Jonathan lle gustaría que seu pai lle falase máis.

 

Con esta obra quedou finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil, sen embargo, creo que a novela se sitúa nese fío que separa unha hipotética literatura xuvenil da de adultos. ¿Pensaba na idade do público a quen ía dirixida mentres a escribía?

Si si, claramente si. Xa escribira novela xuvenil [por Un bosque cheo de faias (Everest)] e tiña moitas ganas de volver a escribir unha novela para este público, sobre todo despois dun esforzo tan grande como foi Spam. Tiña ganas de escribir para eles. Pero bueno, non baixei o nivel de esixencia para escribir O ceo dos afogados.

Pero tamén creo que O ceo dos afogados podería saír perfectamente nunha colección para adultos. Sobre isto teño falado moito con Agustín Fernández Paz, cuxas moitas das súas novelas non desentoarían nunha colección de adultos. Sen embargo el sempre di que prefire que saian nunha colección xuvenil. Creo que hai que ter sempre ó lector na cabeza cando escribes.

 

A incomunicación é tamén unha das características de Spam. Gómez vive nunha dicotomía entre a vida real -exercendo o seu posto como director de Recursos Humanos- e a vida virtual, onde pasa a maior parte do seu tempo. A novela afonda, dun xeito irónico, nesas dúas caras da sociedade. Unha cara pública, onde “Eu” son perfecto; e a cara privada, onde “Eu” son case un pervertido.

En fin, é que é así. Dalgunha maneira sempre é así, e máis agora que temos esta dobre relación por unha banda coa xente cara a cara pero, por outra, a través das novas tecnoloxías. Ademais, o meu Gómez é un tipo mediocre, un deses que, por outra banda, tanto e tan ben medran nas empresas, neses micromundos onde os tolos con poder poden chegar a facer moito dano. Iso si, sen perder nunca o sorriso e a aura de triunfadores...

 

Ese control total dos empregados por parte do Director de Recursos Humanos lembra un pouco ó Gran Irmán de George Orwell. Tanto Gómez como o Partido actúan dunha forma dictatorial, aínda que 1984 é unha distopía e o que ocorre en Spam case que se pode ver en moitos lugares de traballo. ¿Inspirouse no texto de Orwell para a creación deste personaxe?

Inspirarme non, pero seguro que estaba aí. O Gran Irmán orwelliano existe, está aí, son as empresas. Eu creo, como Herbert Marcuse, que as democracias que temos son dictaduras moi ben disfrazadas: disfrazadas de liberdade, de dereito ao voto… pero en realidade son dictaduras. Nas empresas pasa exactamente o mesmo, xa non hai un señor feudal pero a súa función cumpreas hoxe en día as empresas.

 

¿Poderíamos clasificar a Spam como un thriller ou como unha novela negra?

Un crítico calificou Spam como novela negra; unha novela negra sen detective e sen muller fatal. Si que é unha novela negra, non nos tópicos, pero si na estructura. Desde o principio tiven claro ese planteamento, ao igual que con O ceo dos afogados.

 

Ao comezo de Xeración Perdida inclúe unha cita de Walt Whitman: “Eu son o home, sufrín, estaba alí”. ¿Subscríbea palabra por palabra?

Completamente. Eu son un membro da xeración perdida e todos os personaxes que aparecen na novela teñen nomes e apelidos, non os do libro, pero existen. O oitenta por cento das situacións que aí se reproducen están tomadas dos meus recordos da adolescencia.

Sobre a aparición de citas –que en Xeración Perdida abundan- quen lea o libro e despois volva as citas creo que entende doutra maneira a novela. Xeración Perdida é, de todos os meus libros, o máis sincero, non sei se poderei escribir algunha vez outro tan sincero como ese.

 

Xeración Perdida ten un carácter moi duro ao longo de toda a novela. Sen embargo remata dun xeito máis amable que pode desentoar no seu conxunto, que descoloca ós lectores...

Houbo lectores que se queixaron de que era un happy end, que o final era demasiado fermoso. Ti dis que descoloca ao lector, pero eu buscaba dar unha esperanza a esa xeración. A realidade é esa, eu cando volvo ao meu barrio [Teis], onde está concretizada toda a novela, vexo a toda esa xente da miña idade e comprobas, aínda que con dificultade, que saen cara adiante, que atoparon un espazo para a esperanza.

Nas novelas busco o final que creo que os personaxes merecen, tanto neste libro como en Spam, O ceo dos afogados ou en As Palabras da Néboa.

 

O narrador ten case a mesma importancia que o relato en si; ás veces parece que o propio autor estache rumoreando o texto. Ás veces lembra un ensaio informal dentro da novela.

É unha cousa que non podo evitar, é unha das miñas marcas da casa. Aínda que non faga moito por evitalo, como dicía, si intento controlalo. Esta é unha das sortes que teño como autor, escribo unha novela e ademais podo dicir o que penso. Máis difícil é conseguir un equilibrio, non despistar ao lector, facer que un estea lendo o libro e saiba que ti vas parar e vaslle devolver á trama, que iso que ti estas dicindo é unha paréntese, pero no fondo sabes que estás lendo unha novela.

 

O erotismo ocupa un lugar moi importante na súa obra, de feito quedou finalista na edición do Narrativas Quentes de Edicións Positivas no 2001 con Xeografías. ¿Qué é o que busca no erotismo para a súa escrita?

No meu caso o mundo amoroso, o mundo erótico é algo moi presente. Eu considérome unha persoa moi erotómana. O erotismo, na literatura, é un tema moi gozoso; utilizar a palabra para describir un territorio que polo xeral, na nosa tradición, é algo que non está moi ben visto.

Unha das poucas cousas boas que ten o ser humano é poder disfrutar da sexualidade. Escribir sobre eso é fantástico.

 

¿Cre que seguen existindo tabús en canto a literatura erótica?

Si si, por suposto que si. E cada vez máis. A literatura en xeral está sendo cada vez máis politicamente correcta. Practicamente non se edita literatura erótica.

No momento en que os escritores e escritoras galegas non asumen ese rol de escribir literatura deste xénero pode ser causa de autocensura.

Un dato curioso é que sexa un xénero que practicamente non foi abordado polas nosas escritoras. Nos premios de edicións Positivas ata agora os galardoados sempre foron homes. Nestes momentos non me ven á cabeza un libro de narrativa erótica escrito por mulleres, si en poesía, pero non en narrativa.

Premio Blanco Amor, o García Barros, o Lueiro Rey… ¿Non cre que se escribise nunha lingua cun maior número de lectores podería chegar a vivir do libro?

No momento en que decidimos escribir na lingua nativa e minoritaria como é o galego, temos moi claro que aínda que aspiremos a vivir de escribir asumimos que, ata que nos xubilemos, vamos ter que vivir doutra cousa. Pero bueno, os escritores galegos temos que asumir o rol de escribir con vocación universal. A boa literatura é boa en galego e é boa en castelán, italiano… e iso é a o que temos que aspirar, a escribir boa literatura.

Tras publicar narrativa de adultos, xuvenil, poesía, literatura erótica... ¿En que xénero se encontra máis a gusto escribindo?

Se puidera escoller escribiría só relato. Aínda que soe a boutade de escritor, son as historias as que escollen a un. Ser un escritor polifacético non é algo que ocorra noutras literaturas normalizadas, ninguén espera que Javier Marías, por exemplo, escriba un libro infantil.

Os escritores galegos, dalgún feito, sentímonos obrigados a producir literatura para o noso país, para normalizar máis a literatura. Iso denúnciao moi ben Xurxo Borrazás en Arte e parte (Galaxia), que os escritores sexan quenes normalicen a lingua, a cultura… e non deberían ser. Os escritores deberían centrarse única e exclusivamente en producir boa literatura. O que ocorre ao final é iso, que estamos aí tocando todos os paos.

Dentro de moitos anos agardo que, como ocorre noutras culturas, teñamos especialistas de xénero.

O seu primeiro libro, A outra banda da fiestra (Edicións Cardeñoso) data do 1989. ¿Como evolucionou ou en que cousas cambiou a súa obra nestes case 20 anos no mundo literario?

Cambiou en todo, eu non me recoñezo nese libro que citas. Agora véxoo con moito cariño pero tamén con espanto.

Unha cousa parecida me ocorre coa miña primeira novela Amor de cinema (Edicións do Cumio), que hoxe en día non publicaría. Si hai que recoñecer a valentía deses editores que apostaron por xente como Xurxo Sierra Veloso e a mín, que saíron as nosas novelas á vez nunha editorial como esa onde estaba o malogrado Carlos Blanco. A min serviume sobre todo para me sentir que era escritor.

Seguro que polo menos pasou de escribir en papel a escribir na pantalla do ordenador. O desenvolvemento das novas tecnoloxías están mudando as novas formas de comunicación entre as persoas. Podemos dicir que en Spam estas novas tecnoloxías é o protagonista secundario. ¿Cómo lle afecta a vostede á hora de escribir este auxe tecnolóxico?. En realidade mantén case a diario o blog A Canción do Náufrago II.

¿Cómo me afecta? En nada. A linguaxe do blog e a linguaxe literaria son dúas cousas totalmente distintas.

Outra cousa é como me afecta a min como escritor, aí inflúeme moito. Unha das mellores cousas que fixen foi abrir A Canción do Náufrago como un espazo de encontro cos lectores. É algo fantástico publicar un libro e que nunha semana un lector che dea a súa opinión do mesmo. Nese sentido si que me inflúe todo ese contacto cos lectores.

Leva un ritmo de escritura moi intenso con dez libros publicados ademais doutras colaboracións e publicacións soltas… ¿Obrígase a marcar un horario de traballo ou a escribir tódolos días?

Si si. Eu escribo tódolos días, os 365 días do ano. Iso non quere dicir que o faga fisicamente, que cada día escriba unhas cantas páxinas. Hai días nos que escribes moitas páxinas e outros que escribir consiste en poñer algunha anotación no caderno que levo sempre comigo.

Eu como escritor son moi obsesivo. Como exemplo, levo once meses cunha nova novela, onde vivo con dous personaxes, paseo con dous personaxes, coas súas biografías...

¿Ata onde pretende levar ó lector cos seus libros? ¿Algunha vez pensa en quen vai ler os seus libros?

No caso do lector adolescente categoricamente si, tes que ter moi claro o que produces. Cando escribes para adultos menos, pero tamén.

Tampouco creo moito a eses escritores que din que publican para eles. Eu cando asumo o meu rol de escritor quero escribir para os lectores.

Moitas veces falou da relación entre música e literatura. ¿Gustaríalle ver algunha vez os seus poemas musicados?

Moitísimo. Eu son un músico frustrado, e nótaseme. En Xeración Perdida hai unha cita de Lennon&McCartney, en As palabras da néboa hai outras dúas de Lennon e de George Harrison. En Play-Back (Deputación de Pontevedra) o protagonista, que en gran medida son eu, ten un grupo de verbena. Gustaríame moito ver algúns de meus poemas convertidos en canción, pero a miña poesía é moi pouco dada a ser musicada. A rima e a métrica non nos levamos moi ben. Ademais en poesía eu síntome moi inseguro.

Heitor Mera, na recensión do poemario Vigo (Galaxia) de Helena de Carlos, falaba da cidade olívica como centro de inspiración. Vigo tamén está moi presente nas súas obras e é a cidade onde vive. ¿Qué lirismo ofrece esta cidade? ¿De qué é metáfora Vigo?.

Vigo é unha cidade totalmente literaria. Ás veces saes á rúa e parece que estás vivindo unha situación case surreal. Vigo é unha cidade dura, moi combativa. É unha cidade obreira, cunha enerxía impresionante, cuns políticos que sempre a maltrataron e aínda así sae cara adiante.

Loxicamente unha cidade así está chea de heroes e heroínas.

En Galicia hai dúas cidades dunha gran forza literaria; unha é Ourense, esa Auria de finais do XIX e comezos do XX e a outra é Vigo.

Dirixe os talleres literarios de Caixanova. ¿Qué é o que intenta inculcar ós seus alumnos?

O pracer da escrita. O tríptico publicitario dos talleres parte dunha pregunta… ¿Gústache escribir?. Iso é o fundamental. Hai que ver a literatura como unha fonte de pracer.

O que facemos nos talleres é unha paréntese no mundo, son dúas horas de felicidade colectiva, onde nos lemos os uns aos outros, escribimos, producimos, rimos. Creo que saímos todos de aí coas pilas cargadas para enfrontarte ao que hai aí fora.

Dise que a poesía crea uns lazos máis íntimos entre o autor e o lector que coas novelas. Vostede como poeta e como escritor de narrativa... ¿Comparte esa opinión?

Se pensas nos casos de Neruda, ou de Celso Emilio pois si. Hai moita xente que leva as súas poesías, como as de Benedetti, como patrimonio persoal de seu, dentro do seu corazón.

Galicia leva moitos anos cos índices de lectura e de compra de libros máis (ou case) baixos do Estado, un dato certamente preocupante. ¿Qué cambios ou qué accións deberían facer os organismos e as institucións culturais para inverter esta situación?

Cando hai un problema o primeiro que hai que facer é tomar conciencia. Temos que tomar conciencia de que é unha traxedia.

Sobre isto, moitos escritores estamos xa nun dobre punto: por unha banda un punto de cansazo, de dicir basta xa de queixarnos; e por outra banda dicir agora imos traballar. Eu son optimista, aínda que a realidade che pida pesimismo.

Creo firmemente na dinamización en prol da lectura. Outra cousa é que non me convenzan para nada as campañas oficiais, pero si que hai que facer un esforzo colectivo de imaxinación. Nese sentido teño unha fe enorme na internet, nas novas tecnoloxías. Temos que ver como, a través das novas tecnoloxías, podemos conectar cos únicos que poden salvarnos, é dicir, coa mocidade.

Hai un dato que é clarísimo, a partir dos trece anos a xente deserta de lectura. A esa idade as estatísticas demostran que os rapaces se lanzan de cabeza á Play Station, ás novas tecnoloxías.

Tamén hai que conseguir que a sociedade galega, a mesma que respecta a música galega ou o cine galego e alégrase cando Carlos Núñez gana un Grammy ou un filme gana un premio, sinta orgullo dos seus escritores.

¿Seguimos na busca da Gran Novela Galega?

Iso é un mito. Un día Xosé Miranda, falando do Diccionario dos seres míticos galegos (Xerais), comentaba que esqueceu incluír aí a Gran Novela Galega.

Falando en serio, hai unha hipótese que di que Torrente Ballester encargoulle a Rivas que escribise a Gran Novela Galega. Isto para un escritor é unha presión enorme. Ti tes que te preocupar de escribir unha boa novela, non a gran novela; amais, se nos decatamos é unha cousa perversa. Se afirmamos que aínda non se escribiu a Gran Novela estamos dicindo que o resto das novelas son mínimas. Eu non penso en escribir a Gran Novela Galega, eu só aspiro a que a miña vindeira novela sexa mellor que a anterior.

 

No artigo ¿Aínda non estás na web? a nosa colaboradora Uxía Fernández afirmaba que o libro galego nunca tivo tanta visibilidade como a que ten hoxe; as cifras din que o número de títulos publicados é maior que nunca. Por outra banda os estudos apuntan que o galego perde falantes. ¿Cómo se entende isto?

Respondería negando a primeira parte. Eu non creo que o libro galego sexa visible. Sobre a visibilidade do libro os editores quéixanse, os escritores queixámonos. Por poñer un exemplo, no diario emblemático da miña cidade, o Faro de Vigo, cando un escritor saca unha novela pode saír ou non no xornal. Cando ven un escritor de fora, de xira, vai aparecer en media ou en toda unha páxina.

Nas librarías, o libro galego é anecdótico nos seus escaparates. Na televisión, un programa tan útil e tan interesante como é Libro aberto está programado nunha hora de absoluto escándalo. Ese é un exemplo da boa xente que somos os galegos, que non nos cabreemos de que o único programa de libros que hai a televisión pública galega sexa a unha hora practicamente insultante.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati

Buscar en Conversas >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!